Advirte que a evolución industrial amosa “tendencias inversas” en Galicia e en España e incide en que é imprescindible que o goberno galego remarque o seu compromiso e asuma as súas competencias estatutarias
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, demandoulle hoxe á Xunta que impulse unha estratexia para mellorar a competitividade do sector industrial en Galicia, de maneira que a medio prazo acabe representando o 20% do Produto Interior Bruto (PIB) da nosa comunidade. Caballero suscitou esta demanda a través dunha proposición non de lei debatida hoxe na Comisión de Economía do Parlamento e que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular. “Lamentamos”, sinalou o deputado do PSdeG, “que hoxe o PP diga non á industria galega e que siga botando balóns fóra e dicindo que non vai facer nada”.
Nun contexto de crise acentuada polas consecuencias da guerra de Ucraína, Gonzalo Caballero reivindicou a importancia de que o goberno galego sexa consciente da relevancia do sector industrial. Nesta liña demandou un esforzo para impulsar a competitividade e a produtividade da economía galega alí onde hai dificultades. No caso de Galicia, esas dificultades quedan reflectidas en que os principais indicadores amosan unha peor evolución da economía e do sector industrial con respecto ao conxunto do Estado.
Na súa intervención, Gonzalo Caballero puxo de manifesto que os últimos datos do INE, coñecidos esta mesma mañá, revelan que a evolución da economía en España e en Galicia amosan “tendencias inversas”. Así salientou que, mentres no conxunto de España a produción industrial subiu un 3,9 por cento, en Galicia descendeu un 6,8%, situándose ademais como “a segunda comunidade autónoma onde máis baixou”. “Alguén debería espertar dentro do PP de Galicia para entender estas dinámicas e poder marcar un novo tempo que faga mellorar as cousas en vez de empeoralas”, advertiu o deputado socialista.
Nesta mesma liña, resaltou que “seguimos estando en taxas de actividade e ocupación no mercado laboral moi por debaixo da media do Estado, con datos realmente preocupantes”. Ao fío disto sinalou que cando Feijoo chegou ao goberno había 1.152.900 galegos e galegas ocupados, mentres que hoxe hai 1.091.000. “Son 60.000 mil ocupados menos despois de trece anos do PP”, enfatizou. Por contra, nese mesmo período, en España a poboación ocupada pasou de 19.154.000 no ano 2009 aos 20.184.000 que hai na actualidade, é dicir, “un millón máis”.
“Os 13 anos de política económica de Feijoo”, evidenciou Caballero, “pódense medir con estes 60 mil ocupados menos en Galicia fronte a un millón de ocupados máis no conxunto do Estado”. Por iso, subliñou que “ese intento do PP de situarse como aliado da economía e o emprego é unha gran falacia”. Trátase, para máis, “dun desastre na política económica de Galicia que agora queren levar ao conxunto de España”.
Do mesmo xeito, tamén alertou da minoración do investimento, que por exemplo reflectiu un diferencial de máis de 5 puntos con respecto ao de España no terceiro trimestre do 2021, antes de calquera escenario bélico. Nesta liña, indicou que mentres na nosa comunidade houbo entón unha contracción do 3,3% en España medrou un 1,3%.
Con estas cifras, Gonzalo Caballero advertiu que “cada día que pasa Galicia afástase máis do obxectivo de que o sector industrial poida ter un peso do 20% no noso valor engadido bruto”. Por iso, reivindicou unha aposta decidida para fomentar a competitividade e a produtividade, para o que é imprescindible que “a Xunta remarque o seu compromiso industrial e se faga cargo das súas competencias estatutarias”.
“Necesitamos”, dixo, “un goberno da Xunta que tome medidas activas no canto de seguir coa súa estratexia do escapismo e de esconder a cachola como a avestruz”. No mesmo senso, e tras lembrar que a lista de empresas que desapareceron en Galicia durante o goberno de Feijoo está “na mente de todos”, Caballero reclamou a apertura “dun novo tempo no que haxa un compromiso co tecido empresarial galego e que implique asumir o reto de levar o valor engadido industrial de Galicia a representar o 20% do noso PIB”.
Por outra banda, confrontou a falta de políticas e de investimento industrial da Xunta coas medidas que está a adoptar o goberno central. Exemplificounas, de maneira específica, no contrato para a construción das fragatas F-110 nos estaleiros de Navantia en Ferrol. Esta iniciativa supón “o maior nivel de investimento que vén a Galicia ao longo da súa historia, con 4.300 millóns de euros”. “Unha iniciativa”, lembrou Gonzalo Caballero, “que o goberno socialista tivo que sacar do caixón onde o meteu o exministro Morenés durante anos”.
Finalmente, Gonzalo Caballero lamentou que hoxe no PP estean máis preocupados por outras cuestións, como a última condena a ese partido por un caso de corrupción “gravísimo”. Tras afirmar que a corrupción é “consubstancial” a unha etapa do PP, que a “institucionalizou”, segundo recollen sentenzas xudiciais, Caballero engadiu que a sentenza de hoxe “é o principal prato co que se atopa Feijoo como novo presidente do PP”. Nese contexto, instouno a dicirlle aos cidadáns “que posición ten con respecto á corrupción”, que –lembrou o deputado socialista- “tamén afecta á produtividade e á caída da actividade económica”.