A portavoz de Infraestruturas e Transporte do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que habilite unha bonificación da metade do combustible das 9.700 empresas de transporte de pasaxeiros e mercadorías por estrada que hai en Galicia.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que destine a metade da recadación do imposto de hidrocarburos recibida durante 2021 para bonificar o gasóleo ás 9.700 empresas de transporte de pasaxeiros e mercadorías por estrada que hai en Galicia. Urxiu á Xunta a habilitar unha convocatoria urxente de axudas cunha fórmula de prepago aos transportistas que podería ser desbloqueada nun prazo de entre 7 e 48 horas.
Otero explica que a pesares das “desafortunadas declaracións” do presidente da Xunta, apuntando a que o Estado “fórrase” coa suba do prezo dos combustibles, o certo é que o goberno galego percibe o 58 por cento da recadación do imposto sobre hidrocarburos. Isto supuxo uns ingresos de 557 millóns de euros durante o ano 2021, e os socialistas galegos reclaman que destine o 50 por cento desta contía a bonificar o gasóleo das empresas que operan en Galicia.
Deste xeito, cada empresa recibiría unha media de 36.000 litros de gasóleo bonificado á metade de prezo durante o ano 2022. Esta medida permitiría “minimizar o impacto” da suba dos combustibles rexistrada a raíz da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Ademais permitiría paliar a “falla de iniciativa do goberno galego para axudar aos galegos e galegas e aos seus sectores económicos máis afectados pola suba indiscriminada pola suba dos combustibles”.