Leva a demanda do sector mexilloneiro novamente ao Parlamento despois de que fose rexeitada polo Executivo galego nas emendas aos orzamentos da Xunta de 2022
A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe Vilaboa xunto ao seu alcalde, César Poza, para presentar unha batería de iniciativas que vén de presentar no Parlamento para pedir á Xunta, a través de Portos de Galicia, a construción de pantaláns flotantes no peirao de San Adrián de Cobres, de xeito que estes permitan albergar máis puntos de atraque para o sector pesqueiro.
“Os barcos de bateas de San Adrián de Cobres atópanse abarloados entre si, xa que non teñen liña de peirao na que atracar”, denunciou a socialista, “cuestión que supón un risco para as embarcacións, inseguridade para as persoas que teñen que embarcar e dificultades de operativa no atraque e desatraque”.
Neste contexto, incidiu, “as organizacións de produtores de mexillón e o Concello de Vilaboa dirixíronse a Portos de Galicia noutras ocasións, solicitando que se actúe sobre este peirao, pero sen atopar ata a data resposta en positivo sobre esta cuestión”. Ademais, engadiu, o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda aos orzamentos autonómicos de 2022, rexeitada polo Executivo galego, para poder levar a esta demanda.
Dende o peirao de San Adrián de Cobres e sendo conscientes de que as actuacións nesta contorna “deben ser respectuosas co medio mariño”, Gallego reivindicou novamente a petición, previamente consensuada co sector mexilloeiro da vila.
“As infraestruturas portuarias de Vilaboa, radicadas nesta parroquia e en Santa Cristina, presentan eivas que provocan dificultades para a operativa cotiá dos produtores e que deben corrixirse, xa que nesta localidade ten un importante peso o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola que emprega a moitas persoas da vila e, polo tanto, contribúe de xeito notorio a dinamizar a economía local do municipio”, concluíu a socialista.