Critica que esta iniciativa estea liderada pola mesma empresa privada que pretende reactivar a mina de Touro e que está sinalada polos problemas de contaminación que pode ocasionar na zona
O deputado socialista Julio Torrado manifestou hoxe a súa “sorpresa” polo feito de que a Xunta negue ser partícipe dun sistema de control das augas na ría de Arousa que, precisamente, foi anunciado nun acto que contou coa presenza destacada de representantes da Consellería do Mar.
Torrado recoñeceu o seu asombro despois de que a directora do Intecmar asegurase -en resposta a unha pregunta do parlamentario do PSdeG na Comisión de Pesca do Parlamento- que o goberno galego non tiña ningunha relación co proxecto.
Fronte a isto, Julio Torrado evidenciou que, curiosamente, Covadonga Salgado foi, xunto cos parquistas de Carril OPP89 e a empresa Cobre San Rafael, unha das participantes na xuntanza e na posterior rolda de prensa na que se debullaron os detalles da iniciativa. “Protagonizou ese primeiro encontro ao mesmo nivel que as entidades privadas”, subliñou o parlamentario do PSdeG. En consecuencia, “esa foto dálle toda a lexitimidade por parte de goberno e o máximo nivel de participación á Xunta nesa iniciativa, aínda que agora diga que non ten nada que ver”.
Ademais, malia que o goberno galego trata de eludir a súa implicación neste sistema, Julio Torrado puxo de relevo sobre que a propia directora do Intecmar trasladou en sede parlamentaria que a súa participación nese acto foi por petición expresa da Consellería do Mar. “Captamos a mensaxe”, remarcou o deputado socialista, “de que foi unha orde que vostede non quería ou non lle gustaba”.
En paralelo, na súa intervención, Julio Torrado criticou que a Xunta de Galicia avale “poñer ao raposo a coidar das galiñas” no novo proxecto de investigación para avaliar a calidade das augas da ría de Arousa. Nesta liña, alertou de que esta iniciativa está financiada e liderada pola mesma empresa que pretende reactivar a actividade da “polémica” mina de Touro.
Trátase dunha situación “sorprendente”, tendo en conta que “os mesmos que estaban sinalados polos problemas de contaminación que podían afectar á ría serán agora os mesmos que vaian analizar o seu estado”. Tendo en conta as suspicacias sobre esta paradoxal situación, Julio Torrado incidiu en que “unha investigación que se sabe como vai acabar antes de empezar non vale”
A maiores, Julio Torrado considerou que, en todo caso, “o máis curioso” é que este proxecto atopase “toda a colaboración da Xunta”, cando moitas outras solicitudes para investigar a calidade das augas da ría de Arousa “foron rexeitadas”.
Por outra banda, chamou a atención sobre que ao goberno galego parece que non lle valen nin os seus propios medios para avaliar a situación da ría de Arousa. Nesta liña, defendeu que “sería máis útil que o Intecmar contase con máis recursos e máis persoal para poder realizar esta investigación sen necesidade de deixala en mans dunha empresa privada que, para máis, ten uns intereses moi directos nesta cuestión”.