A deputada socialista avisa: “non podemos consentir que a Xunta faga o mesmo en Pontevedra que no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde habilitou un aparcadoiro de pago para facer negocio e recadar”
A deputada pontevedresa Paloma Castro vén de instar á Xunta que asine un convenio co Sergas e Concello de Pontevedra onde se recolla o compromiso de que calquera aparcadoiro vinculado ao hospital Gran Montecelo sexa totalmente gratuíto para persoas usuarias, familiares e persoal. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para urxir esta cuestión.
Tras meses de “numerosas dúbidas” sobre varios aspectos do novo Montecelo que “son sistematicamente menosprezados pola Xunta ao non ofrecer respostas concretas”, trascendeu que o hospital terá un aparcamento de 1.400 prazas “de pago”, o cal, sinalou a socialista, “é absolutamente inaceptable para un hospital público”.
Neste marco, Castro incidiu que “non podemos consentir que a Xunta faga o mesmo en Pontevedra que no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde habilitou un aparcadoiro de pago para facer negocio e recadar, e foi o Concello de Vigo quen tivo que intervir para habilitar un aparcadoiro público gratuíto nas inmediacións para dar servizo a persoas usuarias e traballadoras”.
“A situación de ambigüidade e indefinición co aparcadoiro do Gran Montecelo está a provocar moito malestar e preocupación entre sindicatos, asociacións e cidadanía”, subliñou a socialista, quen sinalou que “é inadmisible e intolerable que un aparcadoiro localizado nun hospital sexa de pago, xa que é un servizo público vinculado estreitamente a unha asistencia sanitaria de calidade”.
Tras “máis dunha década de atraso” na execución do hospital e iniciadas as “tan esperadas” obras de ampliación, Castro urxiu a “rectificar” e acadar un acordo en relación á xestión e ao funcionamento do aparcadoiro no que este servizo sexa gratuíto para persoas usuarias e persoal do centro nunha área que atende a máis de 300.000 persoas que “levan padecendo a necesidade de novas infraestruturas sanitarias demasiado tempo”.