O portavoz do Grupo Socialista defendeu un paquete de medidas “urxentes e responsables” para axudar a particulares, autónomos e empresas ante a “peor das situacións que nin sequera podiamos imaxinar hai pouco máis de mes e medio”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de choque para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra de Ucraína. A proposta recollía un paquete de medidas “urxentes e responsables”, elaboradas polo PSdeG e dirixidas a minimizar o impacto da crise para os particulares, as persoas autónomas e as empresas. E incluía demandas ao goberno da Xunta pero tamén ao goberno central, xa que o novo escenario económico derivado da guerra de Ucraína require do compromiso e impulso necesario por parte de todas as administracións.
“Estamos”, advertiu Álvarez, “na peor das situacións que nin sequera podiamos imaxinar hai pouco máis de mes e medio”. Con todo, o Partido Popular decidiu seguir coa súa estratexia irresponsable e decidiu votar en contra da proposición non de lei do Grupo Socialista.
Ante esta situación, Luis Álvarez botoulle en cara ao PP, á Xunta e a Feijoo que mimetice a actitude “inédita” que mantivo durante a pandemia. Así, fronte a un goberno central que achega solucións e aporta medidas para paliar as consecuencias da crise derivada da guerra de Ucraína, o goberno galego limítase a facer “unha oposición destrutiva” na que, para máis, non fai nin unha soa aportación para axudar aos sectores e cidadáns máis afectados.
Álvarez criticou, ademais, que esa actitude vaia acompañada dun coro de risas e precedido dunha ridiculización do adversario político. “Iso”, dixo, “non é d0igno de ningún presidente, por moito que queira aparentar unha seriedade e solvencia das que desgraciadamente carece e que en pouco tempo vai evidenciarse tamén no ámbito estatal”.
Para corroborar estas palabras, o voceiro parlamentario do Grupo Socialista enumerou unha serie de datos contrastados dos que “é normal non se sinta orgulloso ningún goberno nin o seu presidente, por moito que estea xa no carril de saída”. Neste senso, lembrou que Galicia ocupa o posto 11 das comunidades autónomas españolas en salario medio anual, o 10 en taxa de risco de pobreza, o 10 en PIB por habitante ou 18 en taxa de actividade. A maiores, presenta o peor dato de IPC do Estado no mes de febreiro.
“Partimos, polo tanto, dunha situación máis feble na nosa comunidade”, remarcou Álvarez. Por iso, co obxectivo de corrixir esta situación, o Grupo Socialista propoñía unha serie de medidas urxentes e responsables para facer fronte a situación que están a padecer os e as particulares, as persoas autónomas e as empresas. “Son propostas que non quedan no ambiguo ámbito das reunións e os estudos”, dixo en referencia a unha Xunta que “so anuncia sen concretar”, en contraste coas “amplísimas” medidas adoptadas do goberno central.
O PLAN DE CHOQUE SOCIALISTA VETADO POLO PP
- Plan de bonificación extraordinario de impostos de carácter autonómico aboados durante o exercicio 2022 relacionados directamente coa actividade desenvolvida para todas aquelas empresas, pemes, micropemes e persoas traballadoras autónomas directamente afectadas pola situación conxuntural.
- Colaborar co Goberno de España para rebaixar a imposición sobre hidrocarburos, ben mediante a actuación sobre o Imposto Especial de Hidrocarburos, ben mediante a aplicación dun IVA a tipo reducido.
- Demandar da Xunta unha redución no tramo autonómico do IRPF para aquelas persoas non obrigadas a presentar a declaración da renda, pero cuxos ingresos si están suxeitos a retención e negociar co Estado unha rebaixa paralela.
- Un plan de axudas directas extraordinarias para empresas e persoas traballadoras autónomas afectadas por esta situación.
- Plan de axudas específico para o sector marítimo pesqueiro e mar-industria.
- Un plan de axudas directas extraordinarias para o sector agrario e gandeiro afectado polo incremento dos combustibles e insumos.
- Reforzar orzamentariamente as axudas para as persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión social.
- Incrementar a contía orzamentaria do bono social eléctrico e térmico para ampliar atención das persoas vulnerables ou en exclusión social no noso país.
- Redución das peaxes das autoestradas de titularidade autonómica. Baixada das tarifas nun 75 % para os profesionais do transporte e nun 50 % para o resto dos usuarios.
- Impulsar que o Goberno de España negocie coas concesionarias, nomeadamente a da AP-9, unha baixada similar nas autoestradas de titularidade estatal.
- Compensar economicamente aos profesionais transportistas para que se alcance a completa bonificación das peaxes que non sexan de titularidade autonómica.
- Rebaixa nas taxas da ITV (competencia da Xunta de Galicia). Redución das tarifas da inspección técnica de vehículos nun 75% para os profesionais do transporte e nun 50 % de media, con carácter progresivo, para o resto dos usuarios.
- Exención das tarifas portuarias namentres non se acade unha recuperación efectiva do sector.
- Que a Xunta, a través do IGAPE, habilite un fondo de avais e de liquidez que garanta a viabilidade de empresas afectadas polo peche de mercados en Rusia e Ucraína, sempre vinculado a que non haxa despedimentos.
- Identificación e impulso lexislativo para determinar, por parte da Xunta de Galicia, os proxectos estratéxicos dirixidos a elevar a autosuficiencia enerxética a baixo custe tanto para ámbito doméstico como para o aprovisionamento industrial.
- Impulsar dende a propia Administración autonómica un instrumento financeiro de participación e liderado no desenvolvemento de proxectos estratéxicos, como ocorreu con Reganosa.
- Colaborar coa rede exterior na identificación de novos mercados para o aprovisionamento de cereais e outras producións que poden ver interrompido o subministro a causa da guerra.
- Instar ao Consello Económico Social á elaboración urxente dun informe sobre o impacto que supón esta situación nos sectores prexudicados.
- Simplificar até o máximo posible, dentro do marco legal permitido, todos procedementos administrativos e crear todas as estruturas precisas para facer efectivas as medidas anteriores