O PSdeG vén de publicar nas súas redes sociais un vídeo centrado nas “dúas caras” de Feijóo, contrastando a imaxe de moderación do aínda presidente da Xunta coa realidade das súas declaracións máis recentes. O íideo lembra algúns dos momentos da súa recente xira de presentación para presidir o PP nacional para rematar preguntando “cal das dúas caras nos vai mostrar Feijóo?”.
Así, comeza contrastando a súa condena á ultradereita coa bendición ao pacto “lexítimo” con Vox no que o PP deu entrada a aquel partido político no goberno de Castela e León. A continuación, contrapón o seu ton presuntamente construtivo -“no vengo a insultar a Pedro Sánchez”- co máis “ofensivo”, acusando ao goberno de “forrarse” cos impostos que financian o Estado do Benestar, ou tildando de “autista” ao Executivo, o que desatou as críticas das asociacións de familias de persoas con TEA.
A través das gravacións das súas intervencións públicos, lembra que malia as súas rectificacións, ten adoptado o argumentario de Vox desvirtuando a loita contra a violencia machista ao describir o crime por parte dun home que, en palabras de Feijóo “asesina a sus dos hijas por un problema con su pareja” que, remata, “no es violencia machista: es violencia intrafamiliar”.
A montaxe remata lembrando as sentidas intervencións do dirixente do PP cando aludía ao seu “compromiso” cos galegos entonando con sentimento o seu “Galicia, Galicia, Galicia”, para contrapoñelo coa recente intervención loubando Madrid como “ciudad abierta, lugar próspero que ama la libertad”, para rematar aseverando que “por eso quiero volver a vivir a Madrid”.