Begoña Rodríguez Rumbo e Noelia Otero denuncian o “enorme desleixo” da Consellería de Educación á hora de dar resposta ás “necesidades e xustas demandas” de concello e comunidade educativa no CEIP Francisco Vales Villamartín, no IES As Mariñas e no IES Francisco Aguilar
A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, e a voceira de Educación, Noelia Otero, veñen de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar á Xunta melloras nas infraestruturas educativas de Betanzos.
Tras manter unha xuntanza coa alcaldesa de Betanzos, María Barral; co concelleiro de Educación, Andrés Hermida; e co secretario de organización do PSdeG na provincia da Coruña, Diego Fernández, Rodríguez Rumbo denunciou o “enorme desleixo” da Consellería de Educación á hora de dar resposta ás “necesidades e xustas demandas” de concello e comunidade educativa que veñen demandando dende hai anos melloras nos centros educativos.
No caso do CEIP Francisco Vales Villamartín, as e os socialistas reclamaron ao goberno galego que inicie os trámites das obras de reforma integral, xa que “tras anos de espera e continuas reivindicacións, persoal docente e alumnado padecen a diario as graves deficiencias derivadas da falta de illamento, filtracións, perdas térmicas e frío ou problemas de iluminación”, ademais de “falla de espazo” para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar, “tendo que habilitar espazo no salón de actos que se ten visto inutilizado”.
Malia coñecer esta precaria situación, censurou Rodríguez Rumbo, “o Executivo galego intervén noutros centros con menor antigüidade e menos número de alumnas e alumnos, pero o Vales Villamarín segue agardando e padecendo situacións a todas luces insostibles”.
En canto ao IES As Mariñas, a dirixente socialista pediu ao goberno galego que acometa, neste exercicio, as obras necesarias para adecuar as instalacións, xa que “dende a súa construción non se realizou ningunha reforma de mantemento importante máis alá das acometidas a nivel municipal e que só serviron para parchear as continuas neglixencias da Consellería de Educación que, sendo coñecera da situación, nada ten feito”.
“Tanto é así que no centro podemos observar unha lamentable situación dos tellados, que filtran humidades e que teñen cubertas de uralita con amianto, ademais dun nefasto illamento térmico, xa que as fiestras son as orixinais do instituto”, incidiu.
Por último, Rodríguez Rumbo urxiu o mantemento do IES Francisco Aguilar cando “leva 65 anos sen a realización dun mantemento axeitado, o que non permite impartir as clases cun mínimo de confort para alumnado e profesorado”.
“Este centro carece de illamento térmico axeitado, falla pintura na maior parte das aulas, o mobiliario é anticuado e un dos edificios atópase nun estado ruinoso que, segundo teñen manifestado os propios técnicos da Xefatura Territorial da Xunta, supón un perigo para os usuarios, polo que debe ser derrubado”, concluíu a socialista.