Amosa a súa preocupación pola “inacción” do goberno galego ante o informe da consultora Kroll que se inclina pola proposta de Armón
O deputado socialista Martín Seco reiterou hoxe a “preocupación” do PSdeG ante a “inacción” da Xunta de Galicia no proceso de venda do estaleiro Barreras. Esa preocupación vai en aumento despois de ver como a consultora Kroll, que xestiona a empresa por encargo de Ritz Carlton, elaborou un informe no que se inclina pola venda de Barreras a estaleiros Armón.
Desta maneira o parlamentario socialista recolle tamén a “indignación” dos representantes dos traballadores, que consideran que a proposta non cumpre os requisitos para garantir o mantemento de todo o emprego e a actividade industrial na factoría viguesa.
Martín Seco lembra que o Grupo Socialista xa lle reclamou en diferentes ocasións ao goberno galego que se implicase no proceso de venda de Barreras, esixíndolle un informe que avalíe e cuantifique as tres ofertas de compra presentadas. Porén, a Xunta segue sen involucrarse, tal e como tamén lle solicita os representantes do persoal e a pesar de ten competencias plenas en materia industrial.
Apelando a esas competencias, o deputado socialista insiste en que o goberno galego ten que avaliar e cuantificar as propostas presentadas co fin de informar ao administrador concursal sobre a proposta que mellor garante a actividade e o emprego”.
Nesta liña, subliña que a Xunta debe “mollarse e apostar” pola proposta que realizou estaleiros Gondán. Remarca que esa oferta de compra, dende o punto de vista industrial, é a que ofrece maiores garantías e leva aparellado o compromiso de manter todos os empregos e carga de traballo inminente tanto no eido público como no privado. Así, recordou que esta empresa -ademais de ter traxectoria, experiencia e internacionalización- precisa construír catro novos buques nun contexto no que xa ten as súas gradas en Asturias ao completo.
“A Xunta”, subliñou, “non pode seguir de costas a Vigo e á súa comarca”. Por iso reivindicou que “debe apostar pola mellor das ofertas posibles para os traballadores e actividade industrial do estaleiro”.