O secretario de Política Industrial e Transición Enerxética do PSdeG-PSOE, Ángel Mato, mantivo un encontro onte con membros do comité de empresa de Megasa para tratar como lle está a afectar o incremento dos prezos da enerxía á planta da compañía en Narón. Esta factoría mantén en parada parte das súas liñas de produción (en concreto, o forno de fundición) dende o pasado día 1.
A xuntanza serviu para analizar a repercusión das medidas inmediatas aprobadas polo Goberno co fin de paliar ese aumento de custes, especialmente relevante para as industrias electrointensivas coma a metalúrxica de Ferrolterra, e a autorización a España e Portugal por parte de Europa para establecer un tope para o prezo do gas e conter así o da electricidade.
Tamén para que Mato se comprometese a trasladarlle á Secretaría Xeral de Industria do Goberno de España a problemática que enfronta a factoría, na que unha parte dos traballadores están a adiantar libranzas e períodos de vacacións co fin de non recorrer a un ERTE neste momento de baixa actividade.
Para Mato, tras a adopción de solucións de carácter máis urxente, cómpre seguir apostando polas renovables como mellor opción para dispor de enerxía suficiente e barata no futuro.
Por ese motivo, sostivo que especialmente as industrias electrointensivas deben beneficiarse do desenvolvemento de instalacións como parques eólicos nas súas inmediacións, de xeito que se garanta un acceso axeitado e directo á fonte de enerxía. Ao mesmo tempo, e en termos máis xerais, dixo que é clave defender a toda a industria española para que siga sendo competitiva e que, especialmente no contexto actual, poida desenvolver novos proxectos.