Chama á Consellería de Educación a comprometerse “por escrito” a gratuidade deste servizo, xa que case 300 alumnas e alumnos terán que percorrer case 2 quilómetros de distancia ao novo centro
Pide “claridade e garantías de calidade” ao respecto do traslado do ciclo superior de acondicionamento físico ao Bouza Brey
O deputado vilagarcián Julio Torrado vén de urxir á Xunta a cumprir co compromiso expresado polo conselleiro de Educación de garantir o transporte escolar gratuíto de xeito permanente ao alumnado forzado a cambiarse do instituto Fermín Bouza Brey ao Armando Cotarelo Valledor, en Vilagarcía de Arousa. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas neste sentido no Parlamento de Galicia.
Tras “varias ambigüidades” en sucesivas xúntanas, lembrou o vicevoceiro socialista, a Consellería de Educación vén de establecer que, “de maneira definitiva e sen consenso co claustro docente e colectivos de ANPA” do centro, centralizará os ciclos de formación profesional da contorna no instituto Bouza Brey, desprazando por tanto aos alumnos de secundaria ao centro educativo Armando Cotarelo Valledor, de Vilaxoán.
Este cambio, censurou, “ademais de contribuír á imaxe de escuridade no proceso de toma de decisións sobre as concentracións educativas”, provoca “problemas loxísticos particulares” no territorio, xa que “serán case 300 as alumnas e alumnos que terán que desprazarse a outro centro educativo, cruzando unha estrada de elevadísimo tránsito que supón un perigo constante para o caso de que a atravesen a diario un volume tan alto de mozas e mozos destas idades”.
Dentro das “limitadas” informacións que facilitou a Consellería de Educación ás nais e pais afectados pola decisión, destacou Torrado, “Educación trasladou un compromiso verbal sobre o feito de que o transporte para o alumnado que o necesite estará garantido”. Non en tanto, lamentou, “as respostas escritas da Consellería xa amosaron fraquezas sobre esta cuestión, apuntando que terán a disposición ese transporte só as alumnas e alumnos que teñan dereito”.
“Esta cuestión non é menor, pois a distancia que separa ambos centros é de case 2 quilómetros, que é xustamente a distancia mínima de referencia para garantir o dereito ao transporte gratuíto”, alertou o dirixente socialista, co que, neste marco, “semella imprescindible establecer criterios claros e cumprir os compromisos adquiridos polo máximo responsable da Consellería”.
Por todo isto, Torrado chamou á Consellería de Educación a comprometerse “por escrito” a gratuidade do servizo, en aras de evitar un “prexuízo” para as mozas e mozos obrigados a cambiar de instituto por unha decisión tomada de “xeito unilateral” polo goberno galego.
O CICLO SUPERIOR DE ACONDICIONAMENTO FÍSICO
Por último, o dirixente socialista pediu “claridade e garantías de calidade” ao respecto do traslado do ciclo superior de acondicionamento físico ao instituto Bouza Brey. “Cómpre que as decisións non se tomen de costas ao alumnado e ao profesorado”, subliñou Torrado, quen chamou á Consellería a “que se sente coa comunidade educativa para poder arranxar o problema de forma consensuada entre todas e todos os afectados”.