Esixe ao Sergas que poña fin á “evidente” precariedade laboral deste colectivo, ao tempo que garanta a seguridade de persoal e pacientes
A deputada socialista Marina Ortega urxiu hoxe á Xunta a resolver “de inmediato” a situación laboral do persoal de seguridade do Hospital Público de Valdeorras que leva anos denunciando “retrasos reiterados” no cobro das nóminas, co conseguinte “prexuízo” que isto supón para traballadoras, traballadores e servizo.
Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar ao Executivo autonómico a evitar a “evidente” precariedade laboral deste colectivo e garantir a propia seguridade de persoal e pacientes.
“O persoal de seguridade non cobra o que se lle debe”, alertou a socialista, “unha problemática que se vén repetindo dende o ano 2018, co que isto implica na xestión do día a día e na seguridade laboral do traballo diario do hospital”.
A petición chega despois de que, nos últimos días, un profesional do hospital valdeorrés fose agredido por un familiar dun ingresado e, ao non haber gardas de seguridade nese intre, incidiu, “ninguén se achegou ao lugar para asegurarse de que non pasara o que finalmente pasou e, lamentablemente, a Garda Civil foi avisada tempo despois do sucedido, cando xa se consumara a agresión”.
Neste marco, a dirixinte socialista sinalou que o Sergas ten a obriga de “velar” polo cumprimento dos dereitos do persoal do hospital e evitar este tipo de situacións. “É evidente que o Hospital Público de Valdeorras precisa de solucións integrais para resarcir as carencias derivadas dos recortes dos últimos anos”, sentenciou.
Por último, Ortega lembrou que “a veciñanza de Valdeorras, nunha comarca significativamente afastada do hospital provincial de referencia, merece, ao igual que o resto das galegas e galegos, unha sanidade pública de calidade e proximidade”.