Enmarcou esta intención na actitude da Xunta de prexudicar á economía de Vigo e ir en contra do Concello
A deputada socialista Leticia Gallego reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia a que retire a proposta de convenio para destinar dous pavillóns do IFEVI á práctica deportiva. A parlamentaria do PSdeG alertou de esta intención do goberno galego resulta “incompatible coa actividade feiral existente”, que ademais sufriría un “deterioro” de concretarse.
Leticia Gallego preguntoulle hoxe á Xunta por esta cuestión na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia. Nesta liña incidiu en que “para a cidade é moi importante o mantemento da actividade feiral no recinto do IFEVI pola gran repercusión que teñen os seus eventos na economía da cidade e de Galicia”. “A gran actividade do IFEVI para feiras e congresos é un xerador constante de dun importante volume de negocio, no só para Vigo, senón tamén para Galicia”, remarcou.
Por contra, alertou de que este obxectivo veríase seriamente danado polo destino deportivo que lle quere dar a Xunta aos pavillóns 3 e 5. “Deben ter prioridade os eventos feirais e non nos parece que teñan compatibilidade coa práctica deportiva todos os días do ano”, incidiu Leticia Gallego. “Se isto acontece vai prexudicar moito ás feiras” apuntou tras amosar a súa preocupación “pola deriva que isto está tomando”.
“Non se entende esta decisión”, sinalou, “a non ser que se queira prexudicar ó IFEVI e ás súas grandes feiras que alí se fan”.
En definitiva, enmarcou esta situación na actitude da Xunta de prexudicar á economía de Vigo, que “parece ser que é o que se pretende por parte do goberno de Feijoo”. “A Xunta de Galicia sempre en contra de Vigo, para intentar desgastar o goberno municipal cando o único que fai é fortalecelo”, afirmou. Ao fío disto, criticou que o goberno galego decidise, nos últimos tempos, cambiar o modelo de colaboración que había en IFEVI polo da confrontación co Concello de Vigo.
Leticia Gallego lembrou que a necesidade urxente de ampliar as instalacións do IFEVI veu motivado polo papel internacional da dita feira, “non por unha cuestión deportiva”. En paralelo, recordou que foi CONXEMAR o que demandou o aumento das instalacións para poder seguir crecendo.
Así, Leticia Gallego explicou que todas as entidades colaboraron na ampliación do IFEVI, “pero non se coñecía nada en relación coa intención do destino á actividade deportiva dos pavillón 5 e 3”. Por iso, considerou que “non é de recibo que un día o presidente da Xunta anuncie en Vigo que estes pavillóns van ser para uso deportivo, sen coñecemento previo da Fundación Instituto Feiral de Vigo”.
Tampouco é de recibo que, tal e como se reflectiu hoxe na resposta da Xunta, a intención do goberno galego sexa que a montaxe e desmontaxe das instalacións móbiles deportivas vaia ter facelas o propio IFEVI. Isto, ademais dos problemas que xa conlevaría de por si este uso, implicaría que o propio IFEVI tería que asumir un gasto a maiores para dar satisfacción á intención da Xunta de Galicia.
“É pouco serio”, zanxou a deputada socialista.
Por outra banda, a deputada viguesa Leticia Gallego volveu criticar a suma de retrasos da ampliación do IFEVI. E iso malia os diferentes anuncios realizados pola Xunta. Primeiro, a Consellería de Infraestruturas explicou que estarían rematadas en setembro do ano pasado, despois falouse de finais do 2021 e hoxe a Xunta afirma que finalmente as actuacións estarán concluídas este mes de marzo. “Falta unha semana”, advertiu Gallego, “agardemos que esta previsión si se cumpra e non nos encontremos cunha nova demora”.