Tras ano e medio de retraso, advirte que o concello de Noia “non pode seguir agardando pola inacción ou a mala praxe” de Augas de Galicia para contar cunha “ferramenta vital” para a ordenación do seu territorio
A parlamentaria socialista Noa Díaz reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que axilice o expediente de concesión dunha nova captación de auga no concello de Noia, da que depende a aprobación do PXOM dese municipio. Fíxoo na Comisión 2ª do Parlamento, onde lle formulou unha pregunta ao goberno galego para coñecer os motivos do retraso de ano e medio na resolución deste trámite por parte de Augas de Galicia.
Noa Díaz explicou que a Xunta asegurou hai uns meses que o Concello xa solicitara en setembro de 2020 a modificación para poder dispoñer dunha nova captación no río Vilacova, no lugar da Alvariza, parroquia de Barro, e que esa petición se atopaba en estado de tramitación. O propio alcalde afirmou en 2018 que o permiso de legalización para esa nova captación “era xa un feito”.
Porén, máis dun ano despois -e a pesar de que o grupo municipal socialista no Concello de Noia leva tempo preguntando sobre posibles novidades- non existe ningunha resposta a esta cuestión. “A realidade, afirmou Noa Díaz, “é que o goberno local de Noia leva anos sen aprobar o seu PXOM”. O retraso está “aparentemente motivado por Augas de Galicia”, que segue sen autorizar a modificación da concesión cando xa pasou ao e medio, “tempo suficiente para que se resolva o expediente”.
Por iso reclamoulle á Xunta “dilixencia” e que remita “de inmediato” ese informe preceptivo. “Saben que existen precedentes con sentencias anulando PXOMs porque carecían dese informe que analiza os recursos hídricos municipais”, advertiu
Na súa intervención, Noa Díaz lembrou que os PXOM son ferramentas vitais para a ordenación do territorio dos concellos, “e non poden seguir agardando pola inacción ou a mala praxe dun departamento do goberno galego”. Por iso, remarcou que os diversos gobernos do Concello de Noia levan décadas traballando para aprobar o seu primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal, que depende de diferentes informes preceptivos do goberno galego.
No caso de Noia, explicou, o PXOM está pendente dun informe de Augas de Galicia para confirmar se as vías de abastecemento actuais ou das que pode botar man chegan non só para abastecer os actuais habitantes, senón tamén ao incremento de poboación estimado no planeamento urbanístico. Na actualidade, a captación pode abastecer a algo máis de 9.000 habitantes, pero a previsión de crecemento da poboación fala de 18.000 persoas. Neste contexto, “é incuestionable a obriga de duplicar o volume de auga para acreditar a existencia de recursos hídricos suficientes que garantan ese abastecemento”.
Neste escenario, Noa Díaz advirte que a legalización dunha nova captación de auga depende directamente de Augas de Galicia e que o PXOM, en última instancia, debe ser aprobado polo goberno galego. “O Concello de Noia”, concluíu, “debe ter canto antes esa ferramenta esencial, que sería a primeira, para planificar o seu crecemento e desenvolvemento urbanístico”.