O líder dos socialistas galegos considera “un insulto” que Feijóo anuncie “un bono turismo para ir a un balneario” a “un mariñeiro, un armador ou un camioneiro” co seu vehículo parado “porque non poden pagar os custes enerxéticos”
Lembra que o presidente da Xunta segue sen responder á petición de xuntanza, unha “falla de respecto institucional que esperemos que corrixa no tempo mais breve posible
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe á Xunta que lle entregue a metade da recadación por combustible que lle cede o Estado ás 9.700 empresas galegas afectadas pola “alza salvaxe dos custes enerxéticos”. Explicou que se trata de 277 millóns de euros dun total de 557 que a Xunta recibe do Estado para subvencionar 36.000 litros de gasóleo de promedio por empresa durante 2022.
O responsable socialista apuntou que “é o momento de estar á altura das circunstancias”, polo que lle reclama á Xunta que execute en Galicia esta medida “xusta”, a mesma que Feijóo lle está a reclamar ao Estado. Urxiu ao goberno galego a que habilite estas axudas a través dunha convocatoria urxente dende o Consello da Xunta a través dunha fórmula de prepago aos transportistas que podería ser desbloqueada nun prazo de 7 a 48 horas.
Trátase dunha medida máis “de calado” que presentan os socialistas galegos e que “pode ser transcendente se se fai rápido, e pode axudar a aliviar de forma importante a carga fiscal para cada transportista, mariñeiro e agricultor” que neste momento “están a sufrir” en Galicia.
Unha medida que se suma ao decálogo de propostas presentadas hai 10 días por parte dos socialistas galegos fronte á “peor crise loxística e económica do país dende hai décadas”, que obtiveron a calada por resposta dende o goberno galego. Medidas de goberno que inciden no ámbito fiscal, as rebaixas de peaxes, as tarifas da ITV, no impulso da autosuficiencia enerxética ou a recuperación da tarxeta alimenticia.
A única proposta recibida, dixo, foi a ampliación do bono enerxético, “unha receptividade que non atopamos no eido institucional”, cara “un partido de goberno como o PSdeG, afeito a arremangarse cando as cousas non veñen doadas, disposto a chegar a pactos e acordos de país cando é necesario”.
“Se neste momento non o facemos –puntualizou- é porque a Xunta non ten contestado” á petición de encontro co presidente da Xunta, no que entende como “unha falla de respecto institucional que esperemos que corrixa no tempo máis breve posible, porque o país demanda que esteamos á altura das circunstancias”.
Un insulto aos profesionais
Valentín González Formoso cualificou de “medidas de fierabrás” as iniciativas anunciadas onte polo presidente da Xunta no Parlamento de Galicia para facer fronte á crise actual. Mesmo chegou a cualificar de “insulto” o anuncio de responderlle aos sectores afectados “cun bono – turismo para ir a un balneario”.
O responsable socialista explicoulle a Feijóo que “a un mariñeiro, a un armador, a un camioneiro” co seu vehículo parado “porque non pode pagar os custes enerxéticos”, en realidade “de nada lle vale que lle regalen un bono para irse a un balneario”. Sinalou que “o sector do transporte, da pesca ou o da agricultura o que menos están pensando é en irse de fin de semana”.
Sinalo que “o que queren é que os gobernos con competencias e recursos para adoptar medidas o fagan e lles permitan chegar a fin de mes, manter ás súas familias e pagar a letra do banco que lles chegará e que non van respectar a alza dos combustibles”.