O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe á Xunta que se implique no proceso de venta do estaleiro Barreras de Vigo para defender os postos de traballo e a viabilidade do proxecto industrial. Seco presentou unha pregunta no Parlamento para reclamarlle á Xunta un informe “que avalíe e cuantifique as tres ofertas de compra presentadas”.
Subliñou que o Executivo autonómico, ademais de ter competencias plenas en materia industrial, é “parte responsable dos problemas de inestabilidade do estaleiro” dende que amparou a entrada da mexicana Pemex no capital da factoría. Por iso “debera utilizar as súas competencias en materia industrial e de emprego para avaliar e cuantificar as propostas presentadas co fin de informar ao administrador concursal sobre a proposta que mellor garante a actividade e o emprego”.
Lembra que das tres ofertas presentadas, de Estaleiros Armón, Gondán e Mariña Meridional, oscilan dende unha que contempla a continuidade de 20 traballadores, a outras dúas que apostan polo mantemento do conxunto do persoal. Ademais, dúas delas só incorporan na oferta o perímetro correspondente á parte concesionaria e outra que aposta polo mantemento dos talleres situados en terreos privados.
Comité de empresa
O responsable socialista mantivo un encontro coa sección sindical de UXT no Comité de Empresa da factoría, que seguiu a intervención dende o Salón de Plenos e que defende as ofertas que manteñan o emprego e a estabilidade do proxecto.
Así, lembrou que o presidente do Comité de Empresa apunta que o novo propietario debera manter o emprego existente, e sinalou a contradición que suporía “prescindir dun persoal experimentado, cunha experiencia de tres décadas, cando faltan profesionais con experiencia no naval”.
Ademais, Seco puntualizou que, dende o punto de vista industrial, “todos apuntan a que a oferta de Gondán é a que ofrece maiores garantías e leva aparellada carga de traballo inmediata, ademais de estar apoiada por unha empresa con traxectoria, experiencia e internacionalización”. Lembra que a factoría necesita xustamente de carga de traballo inmediata, xa que este estaleiro ten as súas gradas en Asturias ao completo e necesita construír catro novos buques.