Traslada a súa “decepción absoluta” despois de que a conselleira eluda a súa responsabilidade e rexeite mediar co sector
Denuncia a “precariedade laboral” e o “déficit de persoal” no sector que repercute directamente no benestar das e dos maiores
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, pediu hoxe á Consellería de Política Social que se reúna coas traballadoras de residencias privadas de maiores, escoite as súas demandas e medie no conflito laboral ante a folga indefinida.
Fíxoo, no Pleno do Parlamento, no debate dunha interpelación sobre esta cuestión ante a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, onde a socialista trasladou a súa “decepción absoluta” despois de que a conselleira eludise a súa responsabilidade e rexeitese mediar co sector. A intervención foi presenciada polos comités sindicais das residencias privadas que asistiron á Cámara galega convidados polo Grupo Socialista.
“Teñen que ter valentía, mirar aos ollos ás traballadoras e mediar para mellorar as condicións laborais do persoal e incrementar os cadros de persoal”, urxiu a dirixente socialista, xa que “non están só en xogo as condicións laborais, senón a propia seguridade, benestar e coidados que merecen as persoas maiores”.
Neste marco, Ortega denunciou a “precariedade laboral” e o “déficit de persoal”, que se plasma tamén na función de inspección, tal e como xa foi denunciado polo Consello de Contas cando, hai máis de catro anos, presentou un informe no que evidenciaba incumprimentos na normativa e deficiencias nos coidados das persoas maiores nos centros de atención residencial de Galicia.
“A medida que incrementaban o número de prazas privadas en Galicia, baixaba o número de inspeccións”, alertou a socialista, o que pon de manifesto unha “fórmula perversa”. “Se vostedes optan por un modelo excesivamente privatizado, teñen a obriga de compensalo”, incidiu, con “técnicos que fagan de ollos alí onde a administración non chega”.
Tal é o extremo desta cuestión que Galicia, subliñou, “é a comunidade autónoma que máis proporción de prazas privadas ten en toda España”, ao tempo que “é a segunda comunidade autónoma que menos inspectores técnicos ten”.
“A CONSELLERÍA NON PODE DESMARCARSE DA FOLGA”
No marco da folga indefinida, sinalou Ortega, “a consellería non pode desmarcarse porque se trate de residencias privadas, xa que case 4.000 prazas en Galicia son concertadas”, incidiu a responsable socialista, tras lembrar que, segundo recolle a lei, o benestar das persoas maiores é responsabilidade directa de Política Social e as residencias, sexan públicas ou privadas, “están baixo a tutela da Xunta e baixo o seu control”.
“Practicou moito o eloxio ás traballadoras, pero só de palabra, non de obra”, criticou Ortega, quen urxiu á conselleira a “fuxir de palabras baleiras e comprometerse” para “acompañar ás palabras de accións” e recordou que “cando ninguén se atrevía a entrar en hospitais e residencias, aí estiveron ao pé do canón”.
As cuestións laborais, concluíu a dirixente socialista, tamén forman parte do modelo residencial, polo que “é urxente” abordar esta cuestión porque “o problema non vén de agora”, xa que “os motivos polos que convocaron a folga, xa estaban antes da pandemia”.