Noa Díaz acusa a Feijóo de “unirse ás teses da ultradereita” ao negar a violencia vicaria e achacar o asasinato de dúas nenas a mans do seu pai a un “problema coa parella”
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que presente no Parlamento o II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade” con “accións concretas e orzamentadas”. A proposta foi presentada pola portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, que comezou a súa intervención condenando o asasinato de Jessica Méndez no Concello de Barro no que “tódolos indicios apuntan a ser un feminicidio”.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “promovan políticas que afonden na corresponsabilidade” con “propostas concretas e documentos sustentados en datos reais e actuais que aseguren un maior impacto e eficacia”. Nesta proposta incluíu así unha “campaña de sensibilización e concienciación no ámbito da corresponsabilidade familiar, promovendo a participación dos homes como referentes necesarios na educación e nos coidados familiares”.
A proposta aprobada hoxe reclámalle ademais á Xunta que realice un “estudo exhaustivo en colaboración coas universidades galegas sobre corresponsabilidade en Galicia”, e urxe a presentar a avaliación do I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018 – 2021, xunto co Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia.
A responsable socialista urxiu a “revisar o contrato social entre homes e mulleres”, así como “o enfoque desde o que se formulan as políticas públicas coa fin de garantir a participación de todas as persoas da sociedade nos diferentes ámbitos da vida”. Reclamou unha “acción continuada e non illada” do goberno galego a prol da igualdade que vaia sempre acompañada dunha avaliación, que considera “un dos talóns de Aquiles do goberno popular”.
As teses da ultradereita
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, acusou a Feijóo de “unirse ás teses da ultradereita” ao “negar a violencia machista” logo das declaracións da semana pasada negando a violencia vicaria, pasando por alto a propia modificación da lexislación autonómica para considerala precisamente como unha forma máis de violencia machista. Díaz amosou así a súa “condena rotunda” das “lamentables declaracións” de Feijóo.
Díaz lembrou as afirmacións do presidente da Xunta, cando a semana pasada sinalaba que a violencia exercida contra a muller a través de dos fillos ou persoas unidas a ela era “violencia intrafamiliar”, empregando o termo da estrema dereita, e mesmo chegaba a afirmar que o asasinato de dúas nenas en Galicia a mans do seu pai derivaba dun “problema coa súa parella”.
Apuntou que “nin é violencia intrafamiliar nin podemos banalizar a violencia machista con expresións do tipo “un problema coa súa parella”, como lle recordou publicamente a nai das fillas ás que se refería o propio Feijóo. Lembrou a escalada de declaracións desafortunadas de Feijóo neste sentido nas últimas das, comezando a súa carreira bendecindo un pacto coa extrema dereita en Castela e León que acepta reducir a violencia machista a violencia intrafamiliar.
Políticas de Igualdade
A campaña do presidente da Xunta continuou, lembra, “considerando que non era prioritario destinar 20.000 millóns de euros a pagar as prestacións de maternidade e paternidade, mellorar as axudas ás mulleres en situación de vulnerabilidade, a loitar contra a violencia contra as mulleres, facilitar a educación universal a nenos e nenas de 0 a 3 anos ou rematar coa fenda nas pensións”.
Considera “máis que preocupante” que o presidente da Xunta considere un “gasto superfluo” un plan estratéxico para a igualdade entre mulleres e homes”. Noa Díaz lembrou que “foi con gobernos socialistas como fomos avanzando no Estado en materia de Igualdade, así que leccións as xustas”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1º.- Presentar no Parlamento de Galicia, antes de que remate o ano, a avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, xunto ao Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia.
2º.- Presentar no Parlamento de Galicia, antes de que remate o ano, o II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 que, coa corresponsabilidade como reto prioritario, recolla xa accións concretas e orzamentadas a desenvolver nos eidos sanitario, educativo, social, etc.
3º.-Realizar un estudo exhaustivo en colaboración coas universidades galegas sobre corresponsabilidade en Galicia, con datos sobre reparto dos tempos e de distribución de tarefas domésticas e dos coidados entre mulleres e homes, así como da percepción social que existe sobre esta materia.
4º.-Deseñar unha campaña de sensibilización e concienciación no ámbito da corresponsabilidade familiar, promovendo a participación dos homes como referentes necesarios na coeducación e nos coidados no ámbito das familias”.