Alerta que “hoxe en día a saúde mental non é un dereito real en Galicia” pola falta de recursos e as eivas do modelo
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, instou hoxe á Xunta a “pasar das palabras aos feitos” para mellorar a xestión e a atención á saúde mental en Galicia. Fíxoo esta mañá durante o debate dunha iniciativa lexislativa popular na que se propoñía a creación dunha lei específica neste eido e que finalmente non foi tomada en consideración polo voto en contra do PP.
Na súa intervención, Julio Torrado alertou de que esta proposta evidencia que “hai un problema que a política non soubo solucionar e que tampouco vai poder ocultar”. Nesta liña, reclamoulle ao goberno galego que poña dunha vez os medios axeitados para dar resposta a este problema porque “non por falar demasiado se vai resolver”. Con todo, o deputado do PSdeG tamén manifestou as súas dúbidas que que o mecanismo para solucionalo sexa unha nova lei.
Por iso, Julio Torrado incidiu en que non estamos ante un problema de “marco de dereitos ou regulatorio” senón de recursos e de modelo. Así, salientou que a cuestión “non é como se regula senón como se goberna” xa que a lei xa ofrece posibilidades agora mesmo, pero “non se toman medidas porque non se quere”.
Nesta liña, o parlamentario do PSdeG incidiu en que “necesitamos máis recursos e un mellor modelo” ante as eivas que presentan na actualidade. Así, no ámbito dos recursos, Torrado lembrou que Galicia se sitúa no podio das comunidades autónomas con peor ratio de profesionais dende hai anos e en todas as categorías da saúde mental. Nesta liña lamentou o incumprimento do acordo parlamentario promovido polo PSOE para convocar 120 prazas novas o ano pasado. “Ninguén deu explicacións”, criticou.
A maiores, recordou que tamén se falou da incorporación da saúde mental á atención primairia, tal e como vén defendendo o PSdeG. A única aportación neste eido foi un psicólogo clínico de media por cada 400 mil habitantes, “claramente insuficiente”.
Julio Torrado tamén incidiu nun problema de modelo no que se contrapoñen dúas vertentes: a que aposta por concentrar os recursos -sobre todo os de hospitalización e internamento- en espazos grandes e únicos ou a que propón atomizalos e difundilos en centros máis pequenos e, polo tanto, “máis próximos á realidade e ao contexto das persoas”.
Ao fío disto lembrou tamén o acordo sobre melloras no centro de Conxo, pero “tras tres avaliacións o Defensor do Pobo di que non hai ninguén facendo o que debe facer”. Así, tras incidir en que “os profesionais merecen que se lles dean recursos”, lamentou que se anunciase a creación de novas unidades de hospitalización infanto-xuvenil, pero “tampouco é real”.
Julio Torrado advertiu que a consecuencia disto é que “somos una das comunidades españolas con maior consumo de psicofármacos, con peor taxa de suicidios e cun incremento de casos diagnosticados en adolescencia e xuventude”. Pero “o que é peor”, subliñou Torrado, “é a tremenda falta de accesibilidade ao sistema”.
Por iso, denunciou que hoxe en día “a saúde mental non é un dereito real en Galicia”. De feito, se un galego ou galega necesita ser atendido por un psicólogo, “todos pensamos nun psicólogo privado porque é irreal e inaccesible ter un tratamento de saúde mental no sistema público de Galicia”. “A pesar dos grandes profesionais que temos, é imposible facelo con as esperas e falta de recursos existentes”, alertou.
En calquera caso, Julio Torrado puxo en valor a ILP presentada hoxe, xa que iniciativas como esta conseguen “darlle visibilidade” ao problema da saúde mental e ese “é un elemento importante”. Con todo, manifestou as súas reservas sobre que unha nova lei específica poida ser a solución. Nesta liña advertiu que o sistema caería nunha lixeira dificultade de xestión e unha perda de eficiencia, e que se podería provocar unha posible estigmatización dos afectados.
“Do que non temos dúbidas”, engadiu, “é de que esta chamada de atención significa que a cidadanía entende que hai un problema, que quen debe buscar solucións non o fai e que o problema non vai desaparecer”. Neste caso, de novo, “a xente vai por diante dos gobernos nas necesidades que se detectan”.
Neste contexto, Julio Torrado sinalou que “houbo que chegar ata aquí para evidenciar que pedir máis recursos e repensar o modelo non é retórica parlamentaria senón un problema real”. Porén, malia as dúbidas sobre que unha nova lei sexa o mecanismo óptimo, recoñeceu que si é unha “motivación” para conseguir o obxectivo principal, que “é solucionar a situación”. Para iso, comprometeu “a nosa vontade de construír, para o que daremos o mellor de nós”.
Desta maneira, Julio Torrado convidou ao PP “a que decida e exerza a súa maioría” para decidir como “queremos afrontar esta situación”. “Se non é con unha nova lei”, apuntou, “empreguemos outro mecanismo, pero o que non podemos aturar e asumir é que non utilicemos este mecanismo e que se nos diga que está todo ben e que están traballando porque a realidade é outra”.
“A realidade”, zanxou, “falou aquí e fala fóra, e está claro que non estamos procurando as solucións necesarias”.