Sinala que “cada vez que chove, o colexio é un cadro: o profesorado vese obrigado a encher de cubos o patio de recreo-ximnasio e os corredores”
A deputada pontevedresa Paloma Castro vén de instar ao goberno galego a iniciar o proxecto de reforma do CEIP Froebel en Pontevedra despois dunha paralización de máis dunha década. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia neste sentido.
A Consellaría de Educación aprobou no ano 2010 un proxecto de reforma desta escola dotada dun investimento de 1,8 millóns de euros, pero “doce anos despois este proxecto está aínda sen executar”, censurou a voceira socialista. “Dende entón, fixeron algunhas reformas puntuais, malia que seguen sen solucionar a súa principal demanda histórica que é a cuberta”, incidiu.
“Cada vez que chove, o colexio é un cadro: o profesorado vese obrigado a encher de cubos o patio de recreo-ximnasio ou os corredores anexos que levan ás aulas”, denunciou Castro. “Esta situación é inasumible para un centro de ensino público”, sinalou.
Neste marco, a responsable socialista lembrou que a Consellaría de Educación, que elaborou un proxecto en tres fases, prevía comezar a súa execución en outubro de 2011 cun calendario “calculado” para evitar impedir o normal funcionamento da escola e evitar o seu peche.
Ante a “inacción” da Xunta, Castro pediu ao Executivo galego que “actualice” o proxecto ás necesidades actuais e que o execute. “Defendemos un ensino público de calidade e, polo tanto, entendemos que non se pode concibir que unha escola pública estea cheo de cubos por mor das goteiras”, concluíu.