Achaca esta situación á falta dun plan e unha xestión forestal realista e sostible por parte da Xunta
O deputado socialista Martín Seco advertiu hoxe do posible incremento das presuntas infraccións da normativa forestal en Galicia durante o proceso de establecemento da moratoria de plantación de eucalipto. Nesta liña, instou ao goberno galego a aclarar cales son os datos que ten sobre talas, plantacións indiscriminadas ou irregulares de especies non legais no territorio ou cambios de cultivos en parcelas neste período.
Martín Seco suscitou estas cuestións hoxe na Comisión de Montes do Parlamento, onde incidiu en que -tal e como de desprende dos medios de comunicación e dos datos de entidades ecoloxistas- a Xunta “debeu recibir nos últimos tempos moitas denuncias por incumprimentos en materia forestal”. Na súa intervención, o parlamentario do PSdeG imputou esta situación ás eivas na planificación forestal do goberno galego e que, teñen como exemplo máis claro, “o anuncio da moratoria en diferido para a plantación de eucalipto”.
Ao fío disto, Martín Seco lembrou que o Grupo Socialista foi moi crítico dende o inicio co plan forestal da Xunta, xa que se facía sen diagnose, “como se un médico quixese curar a un enfermo sen antes ver o que padece”. Así, con ese punto de partida en sen consenso co sector, a Xunta elaborou “un suposto modelo do monte que non sabíamos de onde saía e cara onde quería ir”.
Neste contexto, “non tardaron en facerse realidade os peores presaxios e suposicións que poñíamos enriba da mesa”. “O plan que se poñía enriba da mesa non era máis que papel mollado”.
A maiores a moratoria para a plantación do eucalipto –que nin sequera aparecía no plan forestal de Galicia- tivo un “efecto chamada” cun resultado perfectamente visible nos montes galegos. “Nun mes estaban esgotadas as existencias de eucalipto nos viveiros, os madeiristas traballaban de sol a sol e as empresas de reforestación estiveron desbordadas ante a demanda de solicitudes para plantalo”, lembrou.
Na súa intervención, Martín Seco referiuse a un estudo independente de Smartforest que advirte que as plantacións de eucalipto xa superaron o valor limiar do 45% para o grao de ocupación actual en todos os distritos da provincia da Coruña e en dous de Lugo e Pontevedra. Ao mesmo tempo avogaba pola posta en marcha de Plans de ordenación dos recursos forestais e un incremento nos esforzos de vixilancia por parte das administracións para evitar maiores impactos nos bosques nativos e nas áreas naturais protexidas.
Ao fío disto, Martín Seco alertou dunha plantación masiva de eucaliptos en Castriz, no municipio de Santa Comba. Alí, a carón dunha zona de alto valor ecolóxico e que a Xunta debera protexer, estase a realizar unha plantación “terrorífica” que “está acabando cunha zona de brañas e un humidal”. “Poñan coto a esta desfeita”, reivindicou.
Por outra banda, Martín Seco sinalou que o Grupo Socialista sigue apostando por actuar en catro eixes para mellorar a xestión do monte en Galicia.
O primeiro sería o cumprimento da lei e a planificación, cun plan forestal realista que non sexa unha simple folla de reparto de fondos públicos entre uns poucos privilexiados”. Nesta liña urxiu á Xunta a elaborar os plans de ordenación en cada un dos distritos de Galicia para “corrixir a desfeita que temos e que seguirá a incrementarse se seguen polo mesmo camiño”.
O segundo eixe é a xestión forestal sostible e que constitúa “unha acción política decidida”. “Non se pode permitir”, dixo, que nunha zona se concentre toda a produción forestal mentres que noutra ampla zona se lle someta á obriga de aportar valores naturais sen ningún tipo de compensación económica”.
Como terceiro punto, Martín Seco avogou por que o monte e o agro “se miren e complemente e que non estean de costas e enfrontados, que é o que conseguiron nestes anos”. Así, apuntou que “o monte debe servir de base para o desenvolvemento da gandería de carne ou de determinadas actividades vinculadas a agricultura”.
Por último, como cuarto e último eixe, o deputado socialista apostou por “un reequilibrio territorial que rompa o das tres Galicias forestais”. Neste obxectivo, instou a “establecer plantacións de especies por todo o territorio galego, rompendo o monocultivo nalgúns distritos e a imposibilidade de plantar estas mesmas especies noutros”.