O líder dos socialistas galegos considera este acordo de goberno unha “mala noticia para a democracia española”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considera o acordo de goberno entre PP e Vox en Castela e León unha “mala noticia para a democracia española”. En declaracións aos medios hoxe en A Coruña, dixo que “se esta é a moderación de Feijóo, a imaxe de Galicia queda seriamente danada”.
O líder dos socialistas galegos sinalou que o caso de Castela – A Mancha é “a primeira vez en toda Europa que a ultradereita entra no executivo dun goberno rexional”, logo dun acordo que deixa en mans daquel partido a vicepresidencia, tres consellerías e a presidencia da Cámara autonómica.
Apuntou que o propio presidente do PP Europeo, Donald Tusk, cualificou de “mala noticia” e de “capitulación” a decisión do partido de Feijóo no momento en que este vai asumir a súa dirección logo da defenestración de Pablo Casado.
Porto Exterior
Valentín González Formoso fixo estas declaracións antes da visita da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, ao Concello de A Coruña, para presentar a licitación do enlace ferroviario ao Porto Exterior. Explicou que responde ao “cumprimento da palabra dada, nesta mesma casa –o Concello de A Coruña-, onde tódalas institucións reclamamos a conexión ferroviaria”.
Salientou que “hoxe está licitada a obra, e polo tanto en pouco tempo será unha realidade, o que é a mellor maneira de cumprir co país”. Lembrou a unanimidade para demandar a infraestrutura, imprescindible para garantir a súa operatividade e competitividade para toda a provincia e toda Galicia.
Aludiu á conexión ferroviaria co Porto Exterior como unha “infraestrutura estratéxica” que suporá un investimento para a comarca coruñesa de 140 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation EU.