Chama á Xunta a “implicarse” para pedir que finalmente sexa declarado BIC, dado que se trata dunha ponte “única”
A voceira de Cultura do PSdeG na Cámara galega, Noa Díaz, trasladou hoxe o apoio do Grupo Socialista á declaración de Ponte Cruzul, no Concello de Becerreá, como ben de interese cultural. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha pregunta oral ao goberno galego neste sentido.
O “inmoble sobranceiro” do patrimonio cultural galego, sinalou a socialista, “constitúe a única ponte das existentes na provincia de Lugo vinculada ao neoclásico” e, incidiu, xunto ao seu valor histórico, “é un exemplo singular de enxeñaría civil deste período que destaca tamén pola súa interacción coa paisaxe, xa que se atopa nun espazo natural de extraordinaria beleza e valor ecolóxico”.
Neste marco, a dirixente socialista pediu ao goberno galego unha “maior implicación” para pedir que finalmente sexa declarado BIC. “A Xunta pode situarse á cabeza, realizar a petición ao Ministerio de Cultura e achegar un dosier documentado que xustifique a petición”, demandou a socialista, tras poñer en valor unha obra proxectada polo enxeñeiro francés Lemour e “realizada cos parámetros construtivos e estilísticos de finais do século XVIII”.
“Levantada sobre dous grandes piares que xeraron tres arcos de medio punto, a ponte salvaba o val do Cruzul e facilitaba as comunicacións entre Galicia e a Meseta”, incidiu a socialista, quen lembrou que ata os anos 60 do pasado século a ponte “formaba parte das infraestruturas da antiga estrada N-VI de acceso a Galicia, mais a partir das melloras substanciais na rede viaria do último terzo do XX, a N-VI e a ponte foron perdendo paulatinamente importancia como vía estrutural de comunicación co norte”.
Por este motivo, subliñou, “a pesar de que se atopa en bo estado corre risco de abandono se non se lle outorga a debida protección. É mais, a limpeza da ponte corre sempre a costa do Concello, ao que imaxinarán lle supón un esforzo importante para as súas arcas”.
Por último, Díaz lembrou que “os primeiros intentos de reclamar a importancia da obra datan de 2009, cando o Concello de Becerreá reclamou a súa distinción como ben de interese cultural, que ademais se apoiaba na mesma reivindicación por parte de colectivos veciñais e culturais e entidades como Deputación Lugo para que se recoñeza o seu valor indubidable como reflexo dunha época de transformación na rede viaria do Estado”.