Pide ao goberno galego que cumpra co seu “compromiso” e implante os estudos de bacharelato para rematar coa “discriminación e agravio” que sofre o alumnado do municipio
A deputada Paloma Castro vén de urxir á Xunta a execución da ampliación do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas “para telo rematado para o inicio do curso 2022-2023”, tal e como prometeu o goberno galego. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas neste sentido na Cámara galega.
“A mocidade de Salceda sofre discriminación e agravio, xa que conta cun único instituto onde só imparten cursos de ESO, o que obriga ao alumnado a ter que desprazarse a outros concellos para poder cursar bacharelato”, denunciou a voceira socialista, tras pedir a implantación, de xeito progresivo, dos estudos de bacharelato a partir do vindeiro curso, de xeito que para 2023-2024 o centro poida impartir os dous cursos con normalidade.
Neste marco, Castro lembrou que o pasado mes de outubro o Grupo Socialista xa levou á Comisión de Educación do Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas para urxir ao Executivo galego a ampliación do IES Pedras Rubias.
“Entón, o goberno asegurou que esta cuestión era unha prioridade para a Consellería de Educación e que, de forma inmediata, contrataría a execución da obra de ampliación para comezar a impartir o primeiro curso deste ciclo en setembro de 2022”, destacou.
Cinco meses despois e cando neste mes de marzo comeza o inicio do prazo de matriculación para o vindeiro curso, censurou Castro, “familias e alumnado aínda descoñecen se poderán continuar os estudos de ensinanza postobrigatoria no concello ou se terán que desprazarse a outro municipio, xa que a Xunta non ten adxudicada a obra de ampliación e tampouco deu máis información sobre o vindeiro curso ”.
A isto súmase, incidiu, que “ao non estar adscritos a ningún instituto, as alumnas e a alumnos corren o risco de quedar sen praza nos centros dos municipios limítrofes”, o cal “pode afectar enormemente á educación das e dos menores nun dos municipios con maior taxa de natalidade de Galicia”.