Chama a “aumentar e potenciar” a oferta de FP no rural e no IES Val do Asma, sen que exista un “recorte” da existente en Bacharel e ESO
O voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de denunciar o “escurantismo” da Xunta sobre a fusión do IES Val do Asma e do IES Lama das Quendas, en Chantada, que afecta a 128 alumnos e alumnas do municipio. Fíxoo, hoxe, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia neste sentido.
“A posible decisión da Consellería de Educación de precipitar de xeito inminente o traslado do alumnado do Val do Asma ao Lama das Quendas está provocando un enorme malestar e incerteza dentro da comunidade educativa, nas nais e pais e tamén no propio alumnado”, denunciou a dirixente socialista.
“Aumentar e potenciar a oferta de FP no rural e no IES Val do Asma non debe de producirse en detrimento dun recorte da existente en Bacharel e na ESO”, subliñou Otero, polo que, “tal e como veñen demandando dende hai tempo dende a comunidade educativa, cómpre traballar con máis sensibilidade neste tipo de institutos situados en zonas rurais para evitar que a falla de servizos públicos siga abocando aos mozos e mozas a marcharse a localidades máis grandes”.
Ademais, a socialista cualificou como “precipitado” levar a cabo este proxecto de reconversión educativa “en pleno proceso de admisión dos centros escolares”, tendo en conta que a Consellería de Educación “debería realizar traballos de ampliación e accesibilidade no Lama das Quendas”, en caso de querer acoller a máis alumnado.
Ante a falla de información oficial arredor dos plans que manexa a Consellería, a dirixente socialista instou ao goberno galego a “non executar” o traslado o vindeiro curso 2022/2023 do alumnado da ESO e Bacharelato do IES Val do Asma ao IES Lama das Quendas, así como a establecer un “diálogo permanente” coa comunidade educativa de ambos centros “para planificar e acordar calquera decisión que afecte á oferta educativa” no concello.