O voceiro parlamentario chama aos grupos parlamentarios a “condenar sen ambaxes nin ambigüidades” a invasión de Ucraína por parte de Rusia, despois de presentar “hai case dúas semanas” unha declaración institucional á que o BNG non deu resposta
O dirixente do PSdeG reivindica o 8M, conmemoración que centrará parte da actividade socialista do Pleno desta semana, e súmase á campaña do PSdeG para fomentar a corresponsabilidade
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, urxiu hoxe a Feijóo a “tomar unha decisión” ante a “incompatibilidade manifesta” entre a presidencia da Xunta e a presidencia do PP a nivel estatal e máis cando “existe unha situación de parálise innegable” no goberno galego.
“As conselleiras e conselleiros que integran o goberno da Xunta descoñecen se van continuar nas súas responsabilidade dentro de tres semanas ou un mes ou cando sexa que Feijóo decida tomar a decisión”, lamentou o dirixente socialista, polo que “canto antes saiamos desta situación de provisionalidade e parálise, mellor para todos”.
Neste marco, Álvarez destacou que Galicia “deixou de ser a prioridade de Feijóo”, xa que “neste momento, a prioridade é a estratexia política do PP”. Así, incidiu na incompatibilidade de ambos cargos, xa que deben defender, en moitos casos, “intereses contrapostos”.
“Cal vai ser a súa resposta cando Galicia compita con Andalucía ou Ferrol con Cádiz por carga de traballo para Navantia?” ou “cal vai ser a súa resposta cando Vox cuestione as políticas, por exemplo, de igualdade ou a propia existencia do modelo autonómico?”, cuestionou Álvarez.
Neste contexto e ante a posibilidade dun novo marco electoral derivado da marcha de Feijóo a Madrid, Álvarez destacou que o PSdeG conta cun “escenario de solucións para os problemas que ten a comunidade autónoma” en diferentes ámbitos. “Temos un programa propio que non depende de que o PP presente ou non ao señor Feijóo” como candidato, baseado en “fortalezas propias”, subliñou.
Así, preguntado por un posible adianto electoral, o portavoz socialista descartou a cuestión, xa que “creo que sería un fraude á sociedade galega que votou hai pouco máis dun ano” aos seus representantes públicos na Cámara galega.
SEN RESPOSTA DO BNG Á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE UCRAÍNA
En canto á situación de Ucraína, Álvarez chamou aos grupos parlamentarios a “condenar sen ambaxes nin ambigüidades” a invasión do país e a esixirlle a Rusia “que deixe de facerlle dano a Europa e de poñer en tela de xuízo todos os sistemas democráticos e a vida de millóns de persoas cunha guerra inxusta”.
O socialista trasladou así a súa “preocupación” despois de non recibir resposta por parte do Grupo Parlamentario do BNG á declaración institucional presentada polo Grupo Socialista “hai case dúas semanas” para condenar a invasión no Parlamento galego.
“Pedimos claridade e contundencia”, subliñou, porque esta “non é unha cuestión de Galicia, senón de política común da Unión Europea”. “Se negan a conveniencia de que esteamos na Unión Europea, que o digan con claridade e que plantexen un modelo alternativo”, incidiu.
“A pregunta que debemos formularnos é se posicións distintas constitúen unha alternativa válida ou se só buscan manter unha aparente superioridade moral, propoñendo vías que saben que non teñen viabilidade”, sentenciou.
Por último, o responsable socialista apoiou a decisión do goberno do Estado de apoiar ao pobo ucraíno con material humanitario e bélico “na liña dos socios europeos e ofrecendo a mesma resposta que dan os diferentes países da Unión Europea”, unha vez que “os canais diplomáticos están superados pola realidade”.
8M
Noutro orde de cousas, Álvarez reivindicou o Día Internacional da Muller que se conmemora mañá e no que o Grupo Socialista levará a Pleno tres iniciativas relativas á consecución da igualdade real en diferentes ámbitos da sociedade.
De acordo con isto, o portavoz socialista sumouse á campaña lanzada a semana pasada polo PSdeG para fomentar a corresponsabilidade e aplaudiu a recuperación dos Premios de Igualdade María Vázquez Suárez, “unha mestra anónima que loitou pola igualdade entre homes e mulleres e foi salvaxemente violada e asasinada nunha saca que tivo lugar os primeiros días da Guerra Civil Española”.
Ao fío desta conmemoración, o dirixente socialista concluíu cuestionando cal vai ser a postura de Feijóo “cando teña que amparar como presidente do PP determinados pactos con forzas políticas que negan a desigualdade que existe entre homes e mulleres, a existencia de violencia machista ou que prefiren usar eufemismos para minimizar a realidade con respecto a este asunto”.