O secretario xeral do PSdeG traslada a “condena unánime e rotunda” da invasión a Ucraína e apoia a acción do goberno de España “no ámbito humanitario, diplomático e de defensa” con aportacións a través da UE
Aposta por “fortalecer o proxecto socialista gañando en Galicia” para “reverter o legado de quen non é bo xestor, que deixa máis débeda, máis paro, menos xente, 138 escolas menos e a sanidade reducida a unha liña 900”
Madrid, 06 de marzo de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, salientou hoxe o “espírito solidario das institucións galegas, neste caso as dirixidas por compañeiros e compañeiras socialistas” en apoio ao pobo ucraíno. O líder dos socialistas galegos participou no Comité Federal do PSOE celebrado hoxe domingo en Madrid.
González Formoso subliñou a iniciativa das institucións locais e provinciais encabezadas polo PSdeG, que “están ofertando prazas para que os refuxiados e refuxiadas ucraínos poidan iniciar unha nova vida nun momento de desesperanza”. Sinala que “non renunciamos a ser o que somos os galegos e as galegas: un pobo solidario”.
O responsable socialista emitiu dende a sede socialista de Madrid, en nome do PSdeG, unha “condena unánime e rotunda, sen dúbida, sobre a invasión rusa de Vladímir Putin sobre Ucraína, poñendo en tela de xuízo a seguridade e a vida de milleiros de persoas”. Ademais trasladou o seu apoio á acción do goberno de España “no ámbito humanitario, diplomático e de defensa con aportacións ao pobo ucraíno a través da UE”.
Na súa intervención diante do Comité Federal, salientou o “triplo reto” que presenta a situación actual “como país, como proxecto e como socialdemocracia europea, así como inspiradores do proxecto europeo”.
Saliento que “para que a socialdemocracia impere en Europa debemos facer o traballo na casa e fortalecer o proxecto gañando en Galicia para reverter o legado de quen non é bo xestor”. Aludiu ao resultado do goberno de Feijóo, que “deixa unha Galicia máis endebedada, con máis paro e menos xente, con 138 escolas menos que cando el chegou e cun sistema sanitario reducido a unha liña 900”.