O secretario xeral do PSdeG sinala que as institucións gobernadas polos socialistas son “exemplo de solidariedade co pobo ucraíno” participando activamente na acollida de refuxiados
Apunta que as asembleas locais presentan a “un partido que aposta pola democracia a diferenza de outras formacións autocráticas que non representan o sentir da sociedade”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou hoxe unha “condena sen ambaxes nin ambigüidades” da invasión de Ucraína por parte de Rusia. O líder dos socialistas galegos apuntou dende Arzúa que as institucións locais gobernadas polos socialistas galegos son “exemplo de solidariedade co pobo ucraíno” participando activamente na recollida de refuxiados”.
Formoso chamou a “condenar claramente aos invasores”, esixíndolle a Rusia que “deixe de facerlle dano a Europa e de poñer en tela de xuízo tódolos sistemas democráticos e a vida de millóns de persoas en Ucraína” cunha guerra “inxusta”.
O responsable socialista anunciou que o socialismo galego “animará ás institucións nas que está presente a dar un paso adiante” sendo “conscientes de que o destino de todos e todas ten que ver coa nosa conduta e co grao de area que sexamos capaces de aportar”.
Neste sentido, anunciou que a propia Deputación de A Coruña ofreceralle á Secretaría de Estado de Cooperación e ao Ministerio de Asuntos Exteriores a curto prazo un total de 80 prazas para acoller refuxiados e refuxiadas ucraínos obrigados a escapar do seu país. Unha cifra, dixo, que “a medio prazo agardo que sexan máis”.
Anunciou que mañá domingo terá lugar en Madrid un Comité Federal do PSOE no que o partido respaldará a decisión do goberno de apoiar ao pobo ucraíno con material humanitario e bélico “na liña dos socios europeos e ofrecendo a mesma resposta que dan os diferentes países da UE”.
Explicou que esta constitúe a única resposta posible a unha invasión inxusta que onte chegou a un novo nivel na mostra da “temeridade” do dirixente ruso, que ordenaba tomar a maior central nuclear de Europa, co evidente “aumento do risco de contaminación nuclear” que isto implica.
Democracia
En resposta ás preguntas dos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG sinalou que as asembleas locais e as primarias dos socialistas galegos desta fin de semana demostran que “este é un partido que aposta pola democracia, a diferenza doutras formacións autocráticas, que non representan o sentir da sociedade”.
Sinalou que este proceso representa unha “festa da democracia” dunha partido político que “defende os mellores principios socialistas e humanistas, como a soberanía popular e o sufraxio universal”. Formoso fixo estas declaracións dende a Feira do Queixo de Arzúa, que visitou acompañado de alcaldes e representantes políticos do PSdeG da comarca.