Denuncia “unha década de de abandono, desleixo, mentiras e enganos” por parte da Consellería de Educación que se evidencian nunha cidade “sen zonificación” e cun “mapa escolar absolutamente obsoleto”
A deputada viguesa Noelia Otero vén de urxir á Xunta de Galicia a poñer en marcha en 2022 “sen máis dilación” a nova zonificación escolar de Vigo. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia neste sentido.
“Levamos unha década de anos de abandono, desleixo, mentiras e enganos por parte da Consellería de Educación”, denunciou a responsable socialista, quen lembrou que, no ano 2017, a Xunta anunciaba a “bombo e prato” que xa tiña preparado o novo mapa escolar da cidade, unha cuestión que chegou “despois de moitos anos de reivindicacións de Foampas, sindicatos e da comunidade educativa”.
Malia isto, incidiu, “todo foi un engano nese momento, xa que seguimos en 2022 no mesmo punto: sen zonificación”, o que implica que “os vigueses e as viguesas están padecendo un mapa escolar absolutamente obsoleto” e que “non dá resposta ás necesidades actuais da cidadanía”.
Coa apertura do prazo oficial de admisión e matriculación para o vindeiro curso 2022/2023 durante o mes de marzo, lamentou Otero, “as familias volverán padecer unha distribución de institutos con máis de vinte anos de antigüidade”.
“Esta situación ten derivado nestes anos no colapso dalgúns institutos como é o caso do Álvaro Cunqueiro, no barrio de Coia, ou na derivación das alumnos e alumnos da zona de Navia a Valadares, a case dez quilómetros de distancia, xa que a día de hoxe, malia ser un dos barrios máis populosos da cidade olívica, aínda carece de instituto”, censurou.
Neste contexto, a socialista lembrou que o novo mapa escolar anunciado pola Xunta “hai xa cinco anos” contemplaba catro grandes áreas educativas “con presenza de, polo menos, catro institutos en cada unha delas, fronte ás trece áreas de Infantil e Primaria e ás oito da ESO que existen actualmente”.
“Anos despois deste anuncio e ante a situación de desigualdade por unha zonificación planificada hai máis de dúas décadas, as nais e pais precisan certezas para que as súas fillas e fillos poidan acceder como mínimo aos institutos adscritos, cuestión que non acontece arestora”, concluíu.