Noa Díaz insta á Xunta que cumpra o compromiso de entregar os últimos informes sobre os índices de gas radón no centro “para tranquilizar ás familias”, tal e como o PP asegurou á socialista na comisión
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a iniciativa socialista para urxir ao goberno da Xunta medidas técnicas para solucionar os índices de concentración do gas radón no CEIP Apóstolo Santiago, situado en Compostela, e afrontar así a súa implementación “á maior brevidade”. A proposición non de lei, que foi transaccionada cos outros grupos, foi defendida pola deputada socialista Noa Díaz na Comisión de Educación da Cámara galega.
Neste contexto, Díaz alertou dos “altísimos índices” de gas radón que leva soportando este colexio compostelán dende hai anos, sabendo que a primeira medición do ano 2019 falaba de “ata nove veces máis” que o establecido pola Directiva Europea que sitúa en 300 bequerelios o límite para comezar a establecer medidas de ventilación ou saneamento e cando “a propia Unión Europea recoñece que a partir dos 100 o risco de padecer cancro de pulmón aumenta considerablemente”.
“Diante deses alarmantes datos, que o centro trasladou a Educación, a propia Consellaría realizou meses despois outra medición, na que se chegaba xa a unas cifras absolutamente inasumibles para un centro educativo”, remarcou, xa que “nalgunhas dependencias do colexio os bequerelios chegaban a superar os 3.000”.
Así, tralas “lóxicas” denuncias da comunidade educativa, a socialista sinalou que a Xunta “accedeu finalmente a realizar entre marzo e abril de 2020, co colexio pechado por mor do confinamento, unhas obras para a instalación de ventilación mecánica que solucionasen o problema”.
Dende esas obras, “e para ter a constancia efectiva de que o problema está completamente solucionado”, destacou Díaz, a comunidade educativa do CEIP Apóstolo Santiago requiriulle “en varias ocasións” á Xunta os resultados dunha segunda medición —concretamente, no último trimestre do ano 2020 —, “mais a súa petición non tivo aínda éxito”.
“A día de hoxe, co colexio actuando con total normalidade, non saben se ese sistema funciona e se vai funcionar fóra da pandemia” cando xa non haxa ventilación durante as clases, destacou Díaz, quen sinalou que “sería desexable unha mellor comunicación e transparencia porque a realidade é que nin o centro nin o Concello de Santiago coñecen aínda en que situación se atopa o centro.
Tralo debate en comisión, a voceira socialista amosou a súa “satisfacción” tras coñecer que a Xunta está en trámites de contratación dunha empresa especializada para estudar a situación actual e posibles solucións ao problema. Neste sentido, Díaz urxiu á Xunta que cumpra o compromiso de entregar ao centro os informes dos índices de gas radón “para tranquilizar ás familias”, tal e como o Grupo Popular asegurou á socialista.