A deputada socialista alerta de que Galicia é a comunidade autónoma que rexistra máis casos de silicose en toda España, sendo Ourense a provincia máis afectada
O PP vén de rexeitar crear dúas unidades de referencia en pneumoloxía para tratar a silicose en Valdeorras e Pontevedra. Ocorreu, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, despois de que o Grupo Popular votase en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste sentido.
“Na última década, os casos de silicose multiplicáronse por dez e a enfermidade afecta cada vez a traballadoras e traballadores máis mozos”, incidiu a deputada socialista Marina Ortega, tras lembrar que a silicose é unha enfermidade producida pola inhalación mantida da sílice cristalina, cuxa presencia está relacionada coas actividades extractivas da lousa e pedra e cunha presenza máis notable nas comarcas do sur de Lugo, Porriño e, especialmente, en Valdeorras.
Neste sentido, Ortega alertou de que Galicia é a comunidade autónoma que rexistra máis casos de silicose en toda España e, concretamente, Ourense, a provincia máis afectada pola enfermidade.
Esta doenza crónica é, destacou, “moi limítante” e require de “revisións periódicas” e dunha atención médica especializada “de xeito periódico”. Para tratala, lamentou, as persoas afectadas deben acudir ao Hospital Universitario de Asturias, que alberga o Instituto Nacional de Silicose, unha unidade de referencia a nivel nacional, co “custe” que isto implica.
Por todo isto, Ortega urxiu ao goberno galego a crear dous centros de referencia, establecidos dentro da rede do Sergas, en Ourense e en Pontevedra, que permitan diagnosticar, detectar, valorar, seguir e tratar a silicose para os traballadores e traballadoras do sector da lousa.
Esta reivindicación do Grupo Socialista foi recollida xa polos sindicatos e patronal do sector nos últimos anos e, agora, trasladouse ao convenio colectivo para tentar evitar os traslados das traballadoras e traballadores a Asturias.
Ademais, a socialista pediu á Xunta que poña en marcha un “programa integral” de silicose en Galicia que conte coa participación das consellarías con competencias na materia como Emprego, Sanidade e Industria con liñas concretas de actuación en formación, protocolos, seguimento e control da actividade e investigación, e no que se establezan como principios orientadores do programa a participación consensuada e activa de todos os actores implicados.
“DISCRIMINACIÓN POSITIVA” CON VALDEORRAS
No caso específico de Valdeorras, Ortega lembrou que a lousa é un “sector vital e estratéxico” para a comarca, xa que Valdeorras ocupa o primeiro lugar en volume de produción de lousa extraída e, de feito, un terzo das exportacións totais da provincia prodúcense grazas a este sector.
“É preciso que, dende as administracións competentes, implanten unha área específica de pneumoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras”, urxiu a socialista, quen pediu que, neste caso, se realice unha “discriminación positiva” ante o gran número de casos que existen nunha comarca que produce o 80% da lousa galega e, polo tanto, vive do sector. “Os recursos públicos deben adaptarse ás demandas da poboación”, concluíu a socialista.