O secretario xeral do PSdeG saúda a disposición do presidente da Xunta a atender á proposta socialista dun acordo polo eólico, que permitirá “reter talento en Galicia, volver fabricar compoñentes e baixar o prezo da enerxía”
Advirte que “a especulación debe de estar totalmente prohibida, a participación pública debe de ser promovida” nun eólico “que preserve os dereitos dos propietarios, o medio ambiente e a vida no sector primario”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiulle hoxe ao presidente da Xunta que “Galicia necesita un presidente a tempo completo”, polo que “tócalle escoller: ou Galicia ou PP”. González Formoso fixo estas declaracións logo dun encontro coa ministra para a Transición Ecolóxica e os sindicatos UGT, UU.AA., Fademur e a Asociación Vento Noso para tratar a situación do eólico en Galicia.
O líder dos socialistas galegos subliñou o seu “respecto” pola “reflexión persoal” do presidente da Xunta, que estes días estase a postular como sucesor de Pablo Casado no PP nacional. Sen embargo, puxo como esixencia que “un presidente da Xunta só debe ter un compromiso, que é co seu país, con Galicia”.
Así o dixo antes de saudar a disposición amosada onte por Feijóo a abrir un acordo cos socialistas galegos polas enerxías renovables, e sinaladamente a eólica. Aludiu á resposta do presidente da Xunta na sesión de control do Parlamento á proposta lanzada polo propio Valentín González Formoso no Congreso do PSdeG, o pasado 7 e 8 de decembro.
Puntualizou que “para facer avanzar ao país debe de propulsarse un acordo sobre a eólica” que permita aproveitar “o potencial estratéxico na enerxía renovable, e máis concretamente a eólica”, neste momento “máis que nunca tendo en conta o prezo da enerxía”.
Oportunidade
Apuntou á “oportunidade” dun sector que “permitirá reter talento en Galicia, que pode supoñer volver fabricar compoñentes en Galicia, e que pode baixar o prezo da enerxía a empresas e familias”. Valentín González Formoso sinalou que Galicia ten ademais a “oportunidade de irromper no mundo do futuro que se chama hidróxeno”.
Dixo ademais que no desenvolvemento deste sector “a especulación debe de estar totalmente prohibida, a participación pública debe de ser promovida e a tutorización debe de ser constante por parte das administracións”. Por iso reclamou un eólico “ que preserve os dereitos dos propietarios, preserve o medio ambiente e a vida no sector primario”.
González Formoso puntualizou que “os grandes asuntos estratéxicos do país deben de ser falados e deben de ser compartidos”, e engadiu que “nós non somos os do non, somos os do si”.