Denuncia a falla de facultativos na comarca do Baixo Miño e pide unha Atención Primaria “potente, de calidade e universal”
A voceira de socialista Leticia Gallego vén de reclamar á Xunta recursos humanos “suficientes” para arranxar o problema da Atención Primaria en A Guarda, xa que “segue nunha situación de colapso”.
Despois de semanas con manifestacións todos os mércores para esixir solucións para ante o “problema” da sanidade pública no Baixo Miño, a dirixente socialista levou ao Pleno do Parlamento este asunto, a través dunha pregunta oral ao conselleiro, para reclamar á Xunta que tome “medidas” para mellorar a capacidade asistencial no Concello de A Guarda tanto no centro de saúde como no PAC, unha cuestión que vén sido reclamada polo PSdeG dende o ano 2020 de xeito reiterado.
“A non cobertura das ausencias das e dos facultativos, ben sexa por baixas, vacacións ou xubilacións deriva nunha saturación total da atención primaria neste centro de saúde e a Consellería que vostede dirixe non dá ningunha solución”, censurou a socialista, o que provoca que “as e os médicos deben asumir o volume das súas propias consultas e o dos demais compañeiros e compañeiras”.
Neste marco, lamentou, o centro de saúde está funcionando con “só a metade” do persoal habitual de médicos dispoñibles, “4 dun total de 8 no día de onte”, exemplificou. En canto ao servizo de Pediatría, as dúas pediatras dispoñibles atenden aos seus pacientes e “a maiores” ás rapazas e rapaces de Oia e O Rosal para cubrir a baixa da pediatra destes municipios.
En canto ao PAC, sinalou, “segue atendido por un único equipo e un médico de reforzo dende as 18 horas do sábado ás 18 horas do domingo” e iso que “a súa Consellería prometera un segundo equipo” e que “ese equipo apoiaría tamén as consultas do centro de saúde, ademais das gardas do PAC”, pero esta cuestión “quedou en nada: outra promesa incumprida”.
Neste contexto, alertou, “hai momentos nos que non hai ningún médico que poida atender ás e aos pacientes”, non só en A Guarda, senón tamén en Oia e O Rosal. Ademais, a voceira socialista lembrou a “inexistencia” dunha ambulancia medicalizada na zona, asunto que xa demandara no anterior Pleno da Cámara galega.
“Non lles importa a sanidade pública de calidade”, sentenciou Gallego, quen rematou urxindo ao goberno galego que “arranxe o problema” porque “Galicia necesita unha atención Primaria potente, de calidade e universal”.