O secretario xeral do PSdeG apunta que “os comportamentos pouco éticos non teñen cabida na política, e quen asuma a dirección do PP debe interiorizar esa realidade”
Visita o Cesena – Ferrol, que converte á cidade en “referencia na dixitalización de procesos industriais” a nivel nacional
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntou hoxe en Ferrol que “Galicia ten que ser o único compromiso do presidente da Xunta, non podemos permitirnos neste país ter un presidente a tempo parcial”. Así o dixo en relación á operación política iniciada por Feijóo para pasar á política nacional logo do descabezamento de Pablo Casado dentro do PP.
O líder dos socialistas galegos trasladou hoxe o “respecto absoluto” polo que ten de “reflexión persoal que ten que facer o presidente da Xunta”, pero continuou “esixindo respecto por Galicia”, que “en calquera caso non pode quedar supeditada a esa decisión persoal”. González formoso visitou hoxe o centro Cesena – Ferrol xunto co alcalde da cidade, Ángel Mato, e o , e o secretario provincial, Bernardo Fernández.
Dixo que “é importante que o PP se reconstrúa, pero que a reconstrución pase por asumir que os comportamentos pouco éticos non teñen cabida na política, e quen asuma a dirección do PP debe interiorizar esa realidade”. Aludiu así á operación na que os baróns do PP están a relevar ao seu líder logo de que denunciara un contrato millonario polo que o irmán da presidenta de Madrid acadara unha elevada comisión.
En resposta a preguntas dos xornalistas, o responsable socialista sinalou que os socialistas galegos “non dependemos de que Feijóo se vaia ou non se vaia”, e puntualizou que “estamos construíndo unha alternativa en base á cercanía coa cidadanía e cos seus problemas”. Apuntou que o obxectivo é “ilusionar a un país que ten unhas potencialidades enormes, pero que en calquera caso están adormecidas”.
Ferrol
Valentín González Formoso visitou hoxe en Ferrol o Centro de Excelencia do Sector Naval –Cesena- de Siemens, xunto co alcalde, Ángel Mato, que sitúa á cidade como “referencia da dixitalización dos procesos industriais”. Ademais, ratifica a “aposta por Navantia, polo estaleiro público militar e pola propia cidade en si”, que da traballo a máis de 30 traballadores e supón unha “aposta máis que necesaria”.
Salientou a aposta do Ministerio de Industria por ter concretado “por fin” a carga de traballo do estaleiro ferrolán ligado ao programa das fragatas F-110, que mobilizarán 5.000 millóns de euros e 7.000 postos de traballo. O líder dos socialistas galegos confirmou a súa disposición a impulsar o apoio estratéxico dende o goberno do Estado pola cidade.
Sinalou así a “necesidade de gañar licitacións a nivel internacional”, que vai “aparellada de darlle ferramentas ao estaleiro para facelo competitivo” e acadar “diques máis eficientes” en Galicia, onde as condicións climatolóxicas inciden directamente na competitividade. Así llelo fará ver, dixo, á presidencia da Sepi nunha xuntanza que manterá “nos próximos días”.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, sinalou a “aposta moi clara” dende o goberno de España “pola cidade, por Navantia e por Galicia”, logo de que lle deran luz verde ao “programa de construción naval máis importante en décadas”. Explicou que precisamente o Cesena xurde do contrato de Navantia con Siemens para a transferencia tecnolóxica ligada a o dito programa.
Este traballo, dixo, beneficiará a tódalas compañías tecnolóxicas, e permitirá “reter talento en Galicia” para que “parte do programa de construción naval militar poida ser transferido ao naval civil ou mesmo a outros sectores”.
Mato salientou que A Coruña foi a provincia que recibiu máis cartos por parte de Industria durante o ano pasado, cun investimento de 324 millóns de euros para financiar o resto de programas tecnolóxicos ligados ás fragatas F-110.