A parlamentaria socialista Patricia Otero acusou hoxe ao PP e á Xunta de “darlle as costas á Mariña” ao rexeitar no Pleno do Parlamento unha moción que lle reclamaba á Xunta que promovera a instalación da nova planta de Altri na comarca. Otero acusa ao goberno galego de deixar o apoio á instalación da factoría en “declaracións de intencións e eslógans que logo non compren”.
Otero lamentou que o goberno galego confirmou hoxe que “a Xunta non fixo, nin fai, nin fará nada para promover a instalación de Altri na nosa comarca” logo de que no anterior Pleno incorporaran a un acordo parlamentario unha emenda socialista en apoio á chegada da fábrica. Advertiu que aquel acordo, “que foi ben recibido na comarca”, foi desmentido ao día seguinte, cando o propio conselleiro de Industria “non foi quen de pronunciar unha soa vez á Mariña”.
Acusou a Feijóo e ao conselleiro de Industria de “darlle a volta ao acordo parlamentario” evitando ratificalo ao día seguinte, cando “nin mu, no dixo nada” da comarca, e facendo caso omiso así das competencias propias da Xunta en materia de industria para promover a instalación da planta. Lembrou que mentres o conselleiro eludía citar á Mariña como futuro emprazamento, Feijóo tan só falaba da “provincia de Lugo” porque “ten auga, enerxía e eucalipto”.
Reclamou que “deixen de mirar para outro lado” e “traballen todos xuntos a prol dun territorio –o da Mariña- que o está a pasar mal”, e lembroulle ao presidente da Xunta que “preferentemente onde está o eucalipto é na comarca da Mariña”. Reclamoulle á Xunta que explique “que fixeron para fomentar” a opción da Mariña, e “se lle deron a coñecer a Altri a dispoñibilidade dos alcaldes e alcaldesas para que a instalación sexa unha realidade”.
A moción que hoxe rexeitou o PP reclamáballe á Xunta que fixera valer as competencias propias en materia de industria para impulsar a chegada á comarca da nova planta da firma portuguesa, dando a coñecer o emprazamento e as “enormes posibilidades que ofrece para levar a cabo o investimento”.
Ademais, reclamáballe á Xunta que promovera unha xuntanza entre a Mancomunidade de Municipios da Mariña, os alcaldes e alcaldesas da comarca e a Sociedade Impulsa coa empresa. Finalmente, propuña a constitución dun grupo de traballo coa presenza da Mancomunidade para darlle a coñecer as propostas que “supostamente” a Xunta lle remitiu ao Estado en relación cos fondos Next Generation EU e a implantación de Altri en Galicia.