O líder dos socialistas galegos lamenta o dano á imaxe das institucións e cuestiona a “ética e honestidade” do pago dunha comisión exorbitante ao irmán da presidenta de Madrid pola compra de mascarillas no peor momento da pandemia
“Isto non é política, a política é unha actividade na que a honestidade e a decencia deben prevalecer sempre”. Así resumiu o secretario xeral do PSdeG a crise do PP na que o presidente da Xunta entrou onte cunhas declaracións “sorprendentes” centrando o foco sobre a investigación interna entre os seus compañeiros de partido.
González Formoso puntualizou que “o grave non é que se investigue a alguén do PP, o grave é que se asuma o método de todo vale, de destruír ao adversario política con tal de permanecer no poder, sexa compañeiro ou non”.
O líder dos socialistas galegos lembroulle a Feijóo que “o fondo da cuestión radica en que a presidenta dunha Comunidade Autónoma permita a contratación a dedo por un familiar achegado cunha comisión do 20 por cento, por moi legal que sexa”. Lembra que se trata de “vender mascarillas no momento no que non as había e coa poboación queixosa por prezos exorbitantes e especulativos dun elemento básico de protección”.
Valentín González Formoso sinalou que “nunca me inmiscuín na vida orgánica de ningún partido político nin vou facelo agora, pero si é certo que estamos diante dun asunto extremadamente grave que está afectando á imaxe de España no mundo”.