Esixe que non se repitan estas actuacións contra a lexislación en materia laboral e contra a propia Constitución
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta reprobou hoxe a sistemática vulneración de dereitos en materia laboral que están a sufrir traballadores da Consellería de Medio Rural. Fíxoo na Comisión de Agricultura, onde explicou que nos últimos tempos están a producirse sucesivas sentenzas contra a Xunta pola súa xestión laboral, en particular por vulnerar o dereito de indemnidade, que prohibe as represalias contra as empregadas e empregados que deciden reclamar os seus dereitos.
Neste contexto, Carmen Rodríguez Dacosta instou ao goberno galego a “que non se repitan estas actuacións que atentan contra a lexislación laboral e contra a propia Constitución”. De igual xeito, demandou “que se depuren responsabilidades polas graves actuacións en materia de persoal da Consellería de Medio Rural”.
En concreto, a deputada socialista explicou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu unha sentencia o pasado mes de setembro na que condenaba a este departamento da Xunta a readmitir e indemnizar a unha traballadora á que despedira como represalia por reclamar os seus dereitos laborais ante a xustiza. “Trátase”, sinalou Rodríguez Dacosta, “dunha situación moi grave” porque o despido foi declarado nulo, é dicir, que estivo motivado por algunha das causas de discriminación prohibidas na Constitución, na lei ou por vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas da traballadora.
Carmen Rodríguez Dacosta indicou que “falamos dunha actuación de discriminación e de vulneración do dereito dunha empregada pública a exercitar reclamacións xudiciais contra a Xunta de Galicia”. A resposta ante este exercicio lexítimo foi despedila case de inmediato. En definitiva, estamos ante “unha actuación fraudulenta da Xunta de Galicia”, subliñou.
A maiores, a parlamentaria do PSdeG alertou de que esta sentenza non é a única que se ten producido nos últimos tempos. A esta súmanse varias máis, como unha na que a Xunta foi condenada por negarse sequera a negociar a conciliación laboral que lle solicitaba un bombeiro forestal ou outra na que se condena a Medio Rural por vulnerar o dereito á igualdade dunha empregada da Agader que reclamaba o teletraballo dous días á semana.
“Hai moitas máis”, lamentou Rodríguez Dacosta, “o que dá para cuestionar a política de persoal da Consellería de Medio Rural”. Por iso, a deputada socialista preguntou “quen tomou estas decisións que comprenden a vulneración de dereitos fundamentais ou quen dirixe estas actuacións contra os traballadores e traballadoras da Consellería”.
Ademais, reclamou que se tomen medidas ao respecto e que se “asuman responsabilidades, porque son feitos moi graves que non poden quedar impunes”. De igual maneira, Carmen Rodríguez Dacosta esixiu que “se poña fin a esta equivocada política de persoal e que se mude a xestión laboral” cun “cambio de rumbo que lle imprima un carácter negociador do que carecen”.
Finalmente, Carmen Rodríguez Dacosta advertiulle ao PP que “non se trata de louvar ao persoal cando fan discursos ante as cámaras, senón de respectar os seus dereitos e de mellorar as súas condicións laborais” para que iso se traduza “nunha mellora na eficacia e na calidade dos servizos prestados”.