Avoga por retirar a obrigatoriedade do uso das máscaras nos patios das escolas, tal e como recomenda o Ministerio de Sanidade e a Asociación Española de Pediatría
A voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de censurar o “desleixo de funcións” da Xunta con respecto ao uso de máscaras nas escolas cando “non dan directrices claras aos centros”. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia nas que o PSdeG pediu a retirada da obrigatoriedade do uso das máscaras nos espazos ao aire libre das escolas.
“Mentres na maior parte das comunidades autónomas asumiron a recomendación emitida polo Ministerio de Sanidade de eliminar a obrigatoriedade do uso de máscaras en exteriores, en Galicia a Xunta mantén o uso de máscaras no patio das escolas”, sinalou a socialista, quen avogou por adoptar nos centros escolares galegos as recomendacións sanitarias do goberno de España tendo en conta “que se consolidou unha tendencia á baixa” da sexta onda e que as taxas de incidencia son “claramente descendentes”.
Neste marco, Otero destacou que a propia Asociación Española de Pediatría vén de amosar nun comunicado a súa aposta por quitar as máscaras nos colexios, xa que “supón unha incoherencia trasladar ás nenas e nenos a obriga do uso da máscara nos patios exteriores para logo saír á rúa e aos parques e poder quitala”.
Fronte a esta circunstancia, censurou Otero, dende a Consellería de Educación “non se ten dado ningún tipo de indicación ou pauta clara aos centros de ensino, delegando toda a responsabilidade nos centros escolares”, polo que o goberno galego “debe asumir a súa responsabilidade de trasladar información ás escolas” e “dar directrices claras aos equipo directivos”.