No día no que se conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, Noa Díaz reivindica a necesidade de “difundir e rescatar do esquecemento ás investigadoras que inxustamente foron relegadas a un papel secundario”
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, chamou hoxe ao goberno galego, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia, a desenvolver “coa maior celeridade” a coñecida ‘Lei Ángeles Alvariño’.
Na xornada na que se conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia coa idea de promover o avance “de maneira decidida” no papel e protagonismo da muller nas áreas científicas e tecnolóxicas, Díaz reivindicou a necesidade de “difundir e rescatar do esquecemento ás investigadoras que inxustamente foron relegadas a un papel secundario, logrando que poidan ser un referente para as futuras xeracións”.
“Debemos reivindicar a súa contribución determinante no desenvolvemento do coñecemento aínda cando se atoparon con numerosos obstáculos para desenvolver as súas carreiras profesionais”, incidiu a socialista, tras urxir ao poderes públicos a propoñer “medidas efectivas para compensar este inxusto esquecemento do relato sobre o papel da muller no desenvolvemento científico e tecnolóxico”, xa que isto será “condición indispensable para ter éxito na incorporación das nenas na carreira científica e o seu posterior desenvolvemento”.
Máis de medio ano despois da aprobación da ‘Lei Ángeles Alvariño’, a socialista chamou á Xunta a “dar a coñecer” que pasos se ten dado xa no desenvolvemento da lei para “comezar canto antes” a avaliar a efectividade de todas as medidas propostas.
Doutra banda, rematado hai máis dun ano o II programa Muller e Ciencia da Xunta, Díaz lamentou que aínda “nada se sabe da súa avaliación e eficacia nin da terceira edición deste programa necesario e que suporía unha acción máis que sumar ao novo texto lexislativo para continuar avanzando na igualdade real no ámbito da ciencia”.
Neste marco, lamentou que “o único coñecido” é que a Unidade Muller e Ciencia, responsable da súa posta en marcha, ten consignados este ano un orzamento de 46.000 euros, “unha cantidade insignificativa para o que debería ser un ambicioso programa de estímulo”, xa que “son moitos e importantes” os “retos presentes” no noso sistema científico e universitario para avanzar na igualdade e o papel das mulleres científicas.