Propón crear un fondo de compensación para os propietarios de terreos incluídos en Rede Natura
O deputado socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe que o goberno galego segue sen dar cumprimento ao acordo Parlamentario, adoptado en maio do ano pasado a instancias do PSdeG, para rematar a ampliación e revisión da Rede Natura 2000 “no prazo máis breve”.
“Nove meses despois”, censurou Arangüena, “non hai ningunha noticia nin indicio de que ese acordo se vaia cumprir”. E iso a pesar de que a Xunta xa anunciara a ampliación –que deixara ultimada o Goberno de Emilio Pérez Touriño- no ano 2011. Dende aquela, esa medida “quedou paralizada por razóns descoñecidas, pero por todos sospeitadas, durante unha década”. Trátase dunha demora aínda máis grave cando o propio goberno galego recoñecía, nun anuncio no DOG de xaneiro de 2012, que esa ampliación era “urxente”.
Por iso, Pablo Arangüena lamentou hoxe na comisión de Medio Ambiente do Parlamento que a Xunta siga sen responder sobre cando vai cumprir o acordo que o obriga a rematar os traballos para a ampliación da Rede Natura e, en consecuencia, a proceder a dita ampliación. Tampouco se aclarou que porcentaxe do noso territorio quedaría incluído na Rede Natura galega cando se leve a cabo a ampliación.
Arangüena censurou que “a única resposta a estas preguntas foi que a previsión é continuar cos estudios, cando xa levan 10 anos sen ampliar a rede natura”. En definitiva, “unha tomadura de pelo, unha vulneración de todas as normativas medioambientais europeas e estatais, un desleixo absoluto respecto da conservación e unha emenda á totalidade das tendencias de Europa, de España e do mundo”.
De feito, Arangüena sinalou que “isto non fai máis que confirmar que temos un goberno do PP que xoga á contra en materia medioambiental e ao que a transición ecolóxica lle soa a chino mandarín, a pesar de tratarse dun cambio global ó que non podemos permanecer alleos”.
GALICIA TEN A REDE NATURA MÁIS PEQUENA DE TODAS AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
A inacción e o silencio da Xunta resultan aínda máis rechamantes tendo en conta que Galicia ten a Rede Natura máis pequena entre as 17 comunidades autónomas, “con menos do 12 por cento da súa superficie protexida sobre o papel fronte ao 20 por cento da seguinte comunidade, que é o País Vasco, e o 27 por cento da media estatal”.
Pablo Arangüena tamén puxo de relevo que, aínda de levarse a cabo a proxectada ampliación, “estariamos moi lonxe da media estatal e seguiriamos á cola das comunidades”. “É dicir”, censurou, “non se trata dunha ampliación en modo algún ambiciosa” senón que “máis ben poderíamos definila, sendo moi prudentes, como rácana”.
Porén criticou que, malia ter a Rede Natura máis pequena do Estado, “a Conselleira de Propaganda Verde e o Sr. Feijóo, non se privan de ir por Galicia mentindo -tamén neste Parlamento- cando afirman que o 43 por cento da superficie está protexida”, ao contar como tal as Reservas da Biosfera. O deputado socialista desmontou esta afirmación ao sinalar que as Reservas da Biosfera non son lugares que teñan un réxime de protección específico. Polo tanto, “é unha enorme falsidade por parte do presidente da Xunta e da súa conselleira, unha gran mentira máis do universo de falsidade no que vive instalado o PP de Galicia”.
PROPOSTA PARA CREAR UN FONDO DE COMPENSACIÓN PARA OS PROPIETARIOS AFECTADOS
Por outra banda, lembrou que, segundo a organización ecoloxista WWF, a rede natura galega, ten o peor plan director entre as autonomías do Estado.
tamén considerou recomendable dinamizar os recursos e o patrimonio natural e ambiental dos territorios que sexan xa ou sexan declarados no futuro Rede Natura. Con este obxectivo, á vez que se procede a ampliar a Rede Natura, Pablo Arangüena propuxo “crear un fondo para compensar aos propietarios de terreos incluídos en Rede Natura e contribuír á mellora da economía desas zonas”. Ese fondo, sinalou, podería nutrirse “de recursos europeos, estatais, autonómicos ou incluso de empresas que queiran voluntariamente contribuír dentro da súa responsabilidade social corporativa”.