Incide en que o abuso sexual é “unha das formas máis repugnantes e intolerables de violencia machista”, que adquire “unha gravidade engadida” cando se produce no eido do sector público
A deputada socialista Noa Díaz vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle ao Servizo Galego de Saúde que aclare toda a información que ten sobre o caso de presuntos abusos sexuais a varias pacientes por parte dun médico do centro de saúde de Padrón.
Así, “sen pretender interferir nun proceso xudicial en marcha”, Noa Díaz amosa a súa preocupación polo feito de que xa existisen queixas sobre supostos abusos sexuais por parte deste médico no ano 2019. Estes supostamente continuaron ata datas moi recentes, “sen que nada se fixese por parte do Sergas fronte a acusacións de tal gravidade”.
Neste contexto, a deputada socialista lamenta que “desgraciadamente” ningún espazo está libre de violencias machistas, “nin sequera un servizo público tan esencial como o de saúde, ao que acudimos con confianza buscando axuda profesional cando nos atopamos nun estado de vulnerabilidade”. “O abuso sexual”, remarca, “é unha das formas máis repugnantes e intolerables de violencia machista” e adquire “unha gravidade engadida á que non podemos permanecer alleas cando se produce no eido do sector público”.
Por iso, a parlamentaria do PSdeG pregunta cando foi coñecedora a Inspección do Sergas desta situación ou se tomou “algún tipo de medida inmediata” como, por exemplo, “afastar a este facultativo mentres non se esclarecesen os feitos”. Tamén inquire sobre o número de reclamacións ou denuncias que se recibiron contra ese médico, como se resolveron ou se o denunciado segue a exercer a súa profesión nalgún centro da rede pública de saúde.
Noa Díaz presenta esta batería de preguntas despois de que se coñecese que un xulgado de Padrón vén de incoar un procedemento para investigar os supostos abusos sexuais denunciados por dúas mulleres usuarias do centro de saúde desa localidade por parte dun médico de Atención Primaria no verán de 2020.
A raíz deste feito, tamén se soubo que unha das dúas denunciantes presentara unha queixa formal na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, “da que nada soubo transcorrido xa un ano e medio”, aínda que “parece que a Inspección do Sergas finalmente si decidiu abrir un expediente sancionador que está en trámite”.
A maiores, Noa Díaz explica que ao anunciarse o inicio deste expediente, outras tres mulleres manifestaron a súa vontade de testificar como testemuñas por feitos semellantes aos denunciados. Estes aconteceron algúns uns anos atrás, pero tamén foran postos en coñecemento do Sergas no seu día. De feito, remarca Díaz, “unha fíxoo no ano 2019 e outra, en 2021, pero non hai novas acerca da súa resolución”.