Begoña Rodríguez Rumbo censura a constante “falla de transparencia” do goberno galego que “parece ter inmunidade” ao “facer caso omiso á propia labor e sentido de existencia” do ente fiscalizador
O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para instar á Xunta a aplicar as recomendacións feitas polo Consello de Contas no seu informe de fiscalización. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía da Cámara galega, onde a voceira de Orzamentos, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu unha proposición non de lei neste sentido que foi apoiada polo BNG e rexeitada polo Partido Popular.
“O feito de non aplicar as recomendacións feitas polo órgano fiscalizador supón un incumprimento grave co compromiso de transparencia, limitando a responsabilidade encomendada ao ente”, sentenciou a socialista quen sinalou que a Xunta “parece ter inmunidade” ao “facer caso omiso á propia labor e sentido de existencia” dun Consello de Contas.
Ao fío disto, a vicevoceira socialista sinalou que o último informe de fiscalización correspondente á comunidade autónoma para 2019, presentado no mes de xullo do ano pasado, o Consello de Contas “volve a poñer de manifesto unha serie de irregularidades na presentación das contas e na información facilitada que limitan o alcance do informe e presentan un número importante de incorreccións que se reiteran, na súa maioría, ano tras ano”.
Tanto é así, subliñou a socialista, que “a maioría das recomendacións formuladas son idénticas ás feitas en exercicios anteriores e que seguen a estar pendentes de aplicación”. Así, censurou, “hai 30 entidades públicas que non renden contas” e, 11 anos despois da aprobación da lei que o esixe, “a Xunta segue sen contar cun rexistro da administracións paralela” os tamén “chamados polo señor Feijóo chiringuitos”, que xestionan o 15% do orzamento total da comunidade autónoma.
“FALLA DE DILIXENCIA E TRANSPARENCIA DO PP NA XUNTA E NO PARLAMENTO”
Noutro orde de cousas, Rodríguez Rumbo censurou que “unha vez máis” o PP “furte” o debate na Cámara galega ao impedir que se debatan as contas xerais da comunidade autónoma, o que é “unha mostra máis da falla de dilixencia e transparencia do PP na Xunta e tamén no Parlamento”, onde “se entorpece” a labor dos grupos parlamentarios.
“A transparencia non se está cumprindo”, subliñou a socialista quen recordou que “o presidente Feijóo a pide para o resto de administracións, pero é incapaz de cumprila tendo maioría absoluta durante 12 anos en Galicia”. “Consellos vendo que para min non teño”, concluíu.
REFORMA LABORAL
Por último, no marco da comisión, a dirixente socialista censurou o posicionamento do PP fronte á reforma laboral referendada onte no Parlamento español. “Teranlle que explicar a votación, vostedes e BNG, ás traballadoras e traballadores deste país e dicirlles por que votaron en contra de recuperar dereitos”.