A parlamentaria socialista Noelia Otero vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que faga efectivo o compromiso de construír un novo instituto en Navia. Otero denuncia este “novo engano de Feijóo” á cidade e lembra que o Concello ten comprometida a cesión dunha parcela e está a agardar a que a Xunta habilite os recursos para iniciar o proxecto.
Otero lembra que o presidente da Xunta e a delegada do goberno na cidade teñen anunciado o pasado ano 2021 no mesmo barrio o inicio do proxecto, cun orzamento de supostamente 8 millóns de euros que non incorporaron aos Orzamentos deste ano. Lamenta esta “mentira” contra Navia e urxe a iniciar os trámites de urxencia “impulsando o proxecto este ano 2022, de xeito que se poida iniciar a construción do novo centro no ano 2023”.
Lamenta que o goberno galego volta facer “falsas promesas” a Vigo e sinaladamente a este barrio, no que demostran “o nulo compromiso por dar cumprimento a unha xusta demanda”, urxente para centos de familias. Na actualidade, as alumnas e alumnos do barrio e do CEIP Castelao permanecen adscritos para cursar ESO ou Bacharelato a case dez quilómetros de distancia”.
Os socialistas galegos levan así unha vez máis ao Parlamento esta demanda dos veciños e veciñas do barrio, a comunidade educativa, sindicatos e o propio Concello de Vigo, e reclaman ademais a “nova zonificación escolar que dea resposta ás numerosas familias, nenas e nenos e mocidade da zona”. Sinala que “a asignación de alumnas e alumnos aos distintos centros de ensinanza debera priorizar a proximidade, ter en conta onde viven e o seu achegamento a colexios e institutos”.