– Regades: “O proxecto do Partido Socialista nesta provincia é un proxecto compartido, que representa ás/aos case 2.700 militantes”
-Castro: “Traballaremos por unha estrutura provincial forte na que todas e todos teñamos espazo”
David Regades e Paloma Castro alcanzaron un acordo para presentar unha candidatura única á renovación da Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra provincia que seguirá encabezada polo actual secretario, David Regades, durante outros catro anos, dando así continuidade ao traballo emprendido.
O pacto, que ambas partes consideran que contribúe a reforzar aínda máis ao Partido na provincia máis socialista de Galicia, está baseado na plena coincidencia para levar a cabo unha axenda progresista coa vista posta no feminismo, o municipalismo e a cohesión social. Ademais, no plano orgánico hai plena coincidencia en dar continuidade á liña de apoio a tódalas agrupacións socialistas da provincia, especialmente ás máis pequenas.
David Regades manifesta que o acordo foi sinxelo “porque todas e todos somos compañeiros e compartimos visión do mundo e paixón polo socialismo que representan as nosas siglas”. “O proxecto do Partido Socialista nesta provincia é un proxecto compartido e que representa ás/aos case 2.700 militantes. Un proxecto do que todas e todos formamos parte e no que, como sempre digo, non sobra ninguén”. Engadiu que a porta da Dirección provincial estivo aberta durante estes catro anos e que o diálogo constante formou parte da cultura do partido ao longo deste último mandato orgánico. Con estes precedentes considera que o acordo alcanzado era “algo natural”.
Regades agradece a Paloma Castro tanto a decisión de ter dado o paso de presentarse ás Primarias como a de ter colaborado para alcanzar este pacto de integración. “A mensaxe que transmitimos á sociedade é a dun partido coa cabeza nos problemas que interesan á xente e que concorrerá ás próximas Eleccións Municipais para volver gañalas, porque iso é o mellor que lle pode pasar a esta provincia”. “Un partido”, engadiu, “que se presentará co aval das/os 22 alcaldes e alcaldesas que temos na provincia, que teñen feito un traballo inxente, e que van ser o noso mellor aval para acadar máis Alcaldías e seguir gobernando a Deputación de Pontevedra”.
Pola súa banda, Paloma Castro afirma que “traballaremos por unha estrutura provincial forte, onde todas e todos teñamos espazo, na que se integren todas as sensibilidades e cun diálogo leal”.
A deputada socialista engade que un dos obxectivos a afrontar é o de ampliar a base social e contar coa mocidade, “para iso temos que estar na rúa e dar respostas á cidadanía dende a esquerda e coherentes cos nosos principios, para seguir sendo un partido referente na nosa provincia”.
Despois deste acordo o calendario de cara ao 4º Congreso Provincial continúa o próximo domingo, día 23, coa votación para a elección das/os delegadas/os de cada agrupación ata totalizar as/os 212 que participarán no Congreso dos próximos días 11 e 12 de febreiro.