Comprométese, dende o Grupo Socialista, a “traballar como interlocutor” co goberno, Renfe e Adif e “trasladar as eivas coas que se atopan”
A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, mantivo hoxe unha xuntanza coa representante das usuarias e usuarios do tren de media distancia convencional e Avant do corredor do Eixo Atlántico Vigo-A Coruña e A Coruña-Ourense.
Trala reunión, a responsable socialista comprometeuse, dende o Grupo Socialista, a “traballar como interlocutor” co goberno de central, Renfe e Adif para “trasladar as eivas coas que se atopan as usuarias e usuarios das liñas, así como as súas propostas para mellorar o servizo público de transporte ferroviario na nosa comunidade”.
“Traballaremos para buscar a mellor solución horaria posible para aqueles que empregan o tren a diario, xa que é importante fomentar un medio de transporte eficiente e sostible como o tren”, destacou a socialista.
Neste sentido, Otero sinalou que as usuarias e usuarios presentáronlle “unha proposta prioritaria” sobre a organización e recuperación de horarios “co obxectivo posto en mellorar a conciliación da vida persoal, familiar, laboral e estudantil das persoas que a diario empregan este medio de transporte”.