O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que atenda á demanda dun novo centro de Ensino Secundario para o rural de Culleredo. O responsable socialista levou ao Parlamento esta demanda do Concello de Culleredo, que mesmo se ten ofrecido a ceder os terreos para a infraestrutura.
Arangüena mantivo un encontro, hoxe no Parlamento, co presidente da Plataforma pola Secundaria no Rural, Xabier Villarenaga, e as concelleiras socialista Marta Figueroa e Jessica Méndez, no que tamén participaron a parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo e o portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que dispoña deste servizo diante da saturación dos recursos de ensino secundario do Concello na zona urbana. Alertou da desatención á demanda educativa do rural por parte do goberno galego, que provoca desigualdade e discriminación para os alumnos en función do seu lugar de residencia, “evidenciando un ensino de dúas velocidades” entre o rural e o urbano.