Alerta sobre a “falla de información” por parte do goberno galego á veciñanza e pide trazar unha “estratexia conxunta” entre concello e propietarios
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe “mala fe” da Xunta tras abrir o período de alegacións de 15 días sobre o proxecto do parque eólico dos Cotos “en plenas festas de Nadal”.
“O goberno da Xunta volve renderse novamente ás eléctricas”, censurou Castro, logo de que o pasado 24 de decembro, día de Noiteboa, o DOG anunciase que somete a información pública o proxecto do parque eólico que xa fora declarado, no mes de outubro, unha iniciativa empresarial prioritaria “co obxectivo de realizar unha tramitación urxente e reducir os prazos con respecto ao procedemento ordinario”.
Isto, lamentou, “derivou nunha enorme preocupación por parte da veciñanza do municipio, xa que descoñecen o proxecto pola falla de información proporcionada pola Xunta e polo goberno municipal”.
A dirixente socialista, que se reuniu co Grupo Municipal Socialista de Cerdedo-Cotobade para abordar esta cuestión, coincidiu cos representantes municipais na necesidade de informar á veciñanza e facilitarlles os medios técnicos para poder levar a cabo as alegacións, ante o que pediu unha “estratexia conxunta entre concello e propietarios en relación aos prazos”.
“Compartimos a preocupación das veciñas e veciños e, por iso, esiximos ao goberno da Xunta que leve a cabo medidas para corrixir este abuso”, sentenciou a socialista quen anunciou que vén de presentar unha batería de iniciativas neste sentido no Parlamento para instar ao goberno galego a informar sobre as características do proxecto e da súa afectación á veciñanza, así como a elaborar un informe, dende Augas de Galicia, sobre a afectación aos ríos e regatos da contorna.
PRECISAMOS “UN NOVO MODELO EÓLICO”
Por último, a responsable socialista urxiu abordar un “pacto” entre concellos e comunidades rurais para crear “un novo modelo eólico para Galicia” que supoña “unha aposta pola democratización do sector, elaborando un novo plan sectorial eólico de Galicia e modificando a lexislación actual para mellorar” en cuestións como transparencia, participación, negociacións, fórmulas de repercusión económica e defensa do patrimonio cultural e patrimonial.
“Dende o PSdeG apostamos polas enerxías renovables, pero sempre que se produza un equilibrio entre a instalación das mesmas e o respecto á singularidade do noso territorio, ao medio ambiente e a calidade de vida da veciñanza”, concluíu.