O secretario xeral do PSdeG reclámalle a Feijóo “lealdade na xestión da pandemia” e apunta que “non temos que obsesionarnos con ser o primeiro da clase permanentemente e estar poñendo deberes ás outras administracións”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntou hoxe en Santiago que “a política de confrontación co goberno pola pandemia non é a forma na que os galegos e as galegas queren que se lles represente”. Así o dixo despois das críticas de Feijóo trala da conferencia de presidentes de onte.
O líder dos socialistas galegos apuntou que “os galegos e galegas somos un pobo construtivo e positivo, que queremos defender os nosos intereses e tamén queremos colaborar na defensa dos intereses de todo o Estado”. Por iso reclamoulle ao presidente da Xunta que amose a mesma lealdade na xestión da pandemia que os socialistas amosan coas decisións da Xunta.
Afeoulle a Feijóo que estea “obsesionado con ser o primeiro en todo, ser permanentemente o primeiro da clase e poñendo deberes ás outras administracións”. Sinalou que “nunha cuestión de Estado como a pandemia o criterio non é político, senón que é científico”, igual que os socialista galegos respectan o criterio científico sobre o que a Xunta basea as súas decisións cando emanan do comité clínico.
Sinalou que “non vamos discutir as decisións da Xunta cando decide pechar a hostalería, a pesares de que hai decenas e centos de miles de afectados, nin vamos discutir cando deciden priorizar a vacinación”.
O responsable socialista reclamou por iso “respectar o criterio científico sobre o que o Ministerio de Sanidade basea as súas decisións”, e sinalou que “o problema para a xente non é a mascarilla, non vexo a ninguén discutindo por iso e non debe ser unha cuestión de país”.
Puntualizou que, nas decisións sobre a xestión da pandemia, “a política ten como misión dotar de tódolos medios e recursos aos científicos para que poidan atacar á pandemia co seu criterio e coñecemento”.