O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe á Consellería de Educación de empregar “calquera argumento” co obxectivo de “torpedear” o desenvolvemento da Lomloe, desta volta negándose a adecuar o calendario de exames finais no ensino obrigatorio. Álvarez presentou unha proposta no Pleno do Parlamento para que a Xunta modifique o calendario de avaliación final, que o PP rexeitou.
O responsable socialista advertiu que co calendario actual de Galicia, a avaliación final está prevista para o 6 de xuño, deixando dúas semanas indefinidas ata a avaliación final extraordinaria, fixada para o 22 de xuño. Reclamoulle ao goberno galego que adapte o calendario galego ao real decreto publicado o pasado 17 de novembro, que establece que a avaliación terá lugar nunha única sesión ao final do curso, o 22 de xuño.
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que respaldaran un acordo que “depende máis da vontade política que do mantemento dunha posición numantina que en nada beneficia ao noso sistema educativo”. Do contrario, advertiu, entre o 6 e o 22 “vai haber centros nos que o profesorado faga avaliacións encubertas e outros nos que non”, o cal, ironizou, “vai quebrar a igualdade sacrosanta que o PP sempre defende como elemento vertebrador do noso sistema educativo”.
Álvarez explicou que existe “tempo máis que suficiente para que modifiquen o calendario, tomen a senda do sentido común e abandonen a teima de estar en contra de todo o que veña do Ministerio”. Sinalou que “é lexítimo discrepar, pero é ilexítimo que por manter a toda costa unha posición de enfrontamento se lle furte aos docentes do 7 por cento do seu tempo lectivo, 13 días que estarán nos centros sen saber moi ben o que teñen que facer”.
Criticou que o PP esgrimira hoxe como argumento un borrador de Orde para fixar as avaliacións finais por parte da Consellería que é, ironizou “todo un alarde de responsabilidade e seriedade que na práctica non vai supor absolutamente nada”, xa que fixa a avaliación final para o 23 de xuño. Censurou que recorran a “lugares comúns e argumentos falaces” apelando a un suposto aprobado xeral que “non é certo”.
Modelo curricular
Reclamoulles “respecto aos profesionais de educación” que asesoran sobre o modelo curricular e que “a lo mellor non están tan equivocados”, e criticou que dende o PP “equiparan de maneira errónea calidade coa repetición de curso”. Preguntou “que pasa nos países nos que non repiten curso” e cuestionou se “andan hordas de bárbaros e analfabetos polas rúas ou será que teñen outro sistema que funciona”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de modificar o calendario para “seguir a instrución de Casado” e entorpecer o desenvolvemento e aplicación da Lei de Educación, dentro da súa estratexia de obstaculizar ao goberno central no mesmo sentido en que onte foron o único grupo parlamentario en contra da Lei de FP na que “ata Vox se abstivo”.
A mesma liña, dixo, que os levou a saír “exultantes” do debate de Orzamentos no Senado cando retrasaron uns días a aprobación final ao apoiar unha emenda a favor das linguas minoritarias “que noutro contexto terían votado en contra dúas veces se fora necesario”.