O voceiro parlamentario do PSdeG reivindica “a importancia da política en tempos complexos para dar resposta ás necesidades e demandas dun pobo que ten dificultades e de tanta xente que pode sufrir a desigualdade”
Caballero proclama que “máis Parlamento será sinónimo de máis democracia e dunha Galicia mellor”
O voceiro do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe durante o acto de conmemoración do 40 aniversario do Parlamento de Galicia que “lonxe da autocomplacencia, temos que afrontar os retos de futuro”. Así, consciente de que “non podemos caer no conformismo” e “estar mirándonos no espello dicindo que todo vai ben”, fixo un chamamento a que, a medida que pasen os momentos máis duros da pandemia, “teñamos a valentía de actualizar o Estatuto”, que é fundamento sobre o que se basea a Cámara autonómica.
Nese obxectivo, e como piar fundamental, Gonzalo Caballero avogou por elaborar unha Carta de Cidadanía “coa que este Parlamento poida traballar para blindar e dar novos dereitos aos galegos e ás galegas” e para “poñer o Estatuto do século XX á altura do século XXI”. “Esa reforma”, subliñou, “é algo que está pendente e que haberá que abordar antes ou despois”, unha vez superado o peor da pandemia.
Tras incidir en que “queremos unha Galicia mellor e, para iso, precisamos un Parlamento mellor, unha autonomía mellor e a mellor vocación de servizo público”, o voceiro socialista reclamou que “nos poñamos deberes de autoesixencia” para traballar polo futuro dende o Parlamento e nunha “España plural, federal e constitucional”. Ao fío disto, concretou que “a política da que falamos é a que determina sanidade e a educación públicas”, así como “as políticas sociais, as industriais e de emprego ou a modernización do país”. “Así, cada un dende a súa óptica, temos que por o mellor de nós mesmos para traballar polos galegos e galegas”, sentenciou.
Neste contexto, Gonzalo Caballero lembrou que “a loita polo Estatuto foi unha loita histórica e patriótica polo autogoberno que uniu aos galegos e galegas do 36 e do 81, e que lle deu posibilidade ao noso Parlamento”. Ao mesmo tempo, puxo de relevo o traballo realizado por todas aquelas persoas que en 2007, encabezadas polo presidente Touriño, “trataron de levar a nosa norma fundamental a maiores cotras de autogoberno e de dignidade nacional”. Trátase, en definitiva, dun proxecto colectivo que agora implica tamén aos galegos e galegas de 2021, “que teremos que enfrontar eses retos do futuro”.
Con esa finalidade, o voceiro parlamentario do PSdeG comprometeuse a seguir traballando polos galegos e galegas “porque do éxito deste Parlamento e do goberno depende o benestar de toda a cidadanía”. Para iso, “con toda a vontade construtiva, con diferencias pero con lealdade e coa man tendida, corresponde poñer en valor o traballo feito durante 40 anos pola Cámara autonómica, pero tamén asumir os retos de mellorar e recoñecer os erros que todos puidemos ter e traballar sempre polo futuro dunha Galicia mellor”.
“Máis parlamento”, proclamou Gonzalo Caballero, “será sinónimo de máis democracia e dunha Galicia mellor”.
A IMPORTANCIA DA POLÍTICA COMO SERVIZO PÚBLICO
Na súa intervención no Pleno de conmemoración do 40 aniversario da Cámara autonómica, o voceiro socialista fixo fincapé na importancia destas catro décadas, que “representan 40 anos de democracia e autogoberno en Galicia”. Foron tamén catro décadas de “prosperidade e de posibilidades”, nas que o Parlamento supuxo “un elemento fundamental insubstituíble” porque “sen Parlamento non hai democracia, e sen Parlamento de Galicia, nin autogoberno nin autonomía”.
Do mesmo xeito, reivindicou “a importancia da política en tempos complexos para dar resposta ás necesidades e demandas dun pobo que ten dificultades e de tanta xente que pode sufrir a desigualdade, especialmente en tempos da covid”.
Neste escenario, lembrou que o Parlamento “é a sede da palabra, do acordo, da liberdade do diálogo e tamén da confrontación dialéctica”. Por iso, considerou necesario “un Parlamento forte para ter unha Galicia forte e un Parlamento vivo para ter unha Galicia viva”. “Cómpre”, sinalou, “un Parlamento dinámico, participativo e democrático para darlle futuro aos anhelos que teñen tantos galegos e galegas de participación e liberdade”.
Así, defendeu a política “como servizo público” para Galicia “dende un poder lexislativo que elabora normas e determina as posibilidades do poder executivo” e que se converte tamén “na sede do pluralismo das opinións dos galegos e galegas e no que temos que seguir sempre mellorando”.
LEMBRANZA PARA TODOS OS SOCIALISTAS QUE TRABALLARON POLO BEN DE GALICIA
Tras facer un percorrido polos feitos e persoas que conduciron “aos mellores 40 anos de autogoberno e democracia da historia do país”, Gonzalo Caballero quixo poñer en valor, de maneira específica, “o traballo feito por todos os deputados e deputadas ao longo de tantas lexislaturas” e lembrou tamén “a tantos e tantas socialistas que dende esta Cámara traballaron polo ben de Galicia”.
Así, tivo unha lembranza para “compañeiros” como Ramón Piñeiro ou Ceferino Díaz –“que traballaron polo socialismo e o galeguismo dando voz a unha parte da cidadanía galega que se identifica con esas plantexamentos-“ e para dous parlamentarios que presidiron o goberno de Galicia: Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, “que deron o mellor de si para facer a mellor Galicia posible.
Tamén resaltou o papel da primeira presidenta da Cámara, Dolores Villarino, e para os presidentes da Xunta que, dende outras posicións políticas, gobernaron “con lexitimidade e traballando como mellor consideraron por Galicia”.